Poio dá un paso máis contra a violencia machista. Faino coa posta en marcha dunha mesa de coordinación policial coa que buscan reforzar o traballo conxunto contra esta lacra.
Desta mesa, que celebrou este martes a súa sesión constitutiva, forman parte membros da Guardia Civil e da Policía Local, xunto coa directora do Centro de Información á Muller (CIM) e as edís de Igualdade e Seguridade Cidadá, Silvia Díaz e Marga Caldas.
"Esta é unha ferramenta máis para reforzar a coordinación entre a institución e as autoridades, o que sen dúbida nos axudará a ser moito máis efectivos á hora de actuar e previr casos de violencia de xénero", apuntou a responsable municipal de seguridade cidadá.
Este órgano reunirase de xeito periódico, concretamente cada catro meses.
A mesa busca conseguir ademais unha maior efectividade en cuestións como a atención, prevención e asesoramento ás vítimas desta lacra social, engade Marga Caldas.
A creación da mesa de coordinación policial consolídase apenas uns meses despois de que o Concello de Poio asinase a súa adhesión a Vioxen, o programa de seguimento integral das vítimas de violencia de xénero.
Trátase dunha iniciativa encamiñada a garantir a seguridade, protección e atención ás mulleres que sofren a violencia machista e que tamén redunda nunha maior coordinación e colaboración entre as forzas de seguridade do Estado e o corpo municipal.
Durante esta primeira convocatoria do novo órgano municipal tamén se analizaron os casos de violencia machista detectados no municipio.