Todos a favor de recuperar a contorna entre Casalvito e O Padrón

Poio
20 de novembro 2024

O Concello de Poio solicitará fondos do Plan Provincia Extraordinaria para executar esta actuación integral, que supera os 720.000 euros

Praia do Padrón, en Combarro
Praia do Padrón, en Combarro / Mónica Patxot

O proxecto que pretende recuperar a contorna e mellorar a mobilidade entre Casalvito e O Padrón, foi aprobado por unanimidade no pleno do Concello de Poio celebrado este mércores.

Esta actuación está orzamentada en máis 720.000 euros e o goberno local quere solicitar fondos do Plan Provincia Extraordinaria, que poderían chegar a unha axuda máxima do 75% do importe total.

Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro, servir de conexión co Mosteiro de San Xoán e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago.

O proxecto pretende eliminar as barreiras arquitectónicas existentes mediante a dotación dunha plataforma única de circulación con prioridade de paso aos péons fronte aos vehículos.

Proponse así a renovación da pavimentación existente de formigón ou asfalto por outra de formigón coloreado raiado e adoquín granítico, que pola súa configuración contribuirá a reducir a velocidade dos vehículos.

Pleno extraordinario de novembro no Concello de Poio
Pleno extraordinario de novembro no Concello de Poio

Ademais, incluirase a reposición das canalizacións que están en mal estado, novas dotacións de servizos para recoller augas pluviais e de soterramento das instalacións de subministro eléctrico, telecomunicacións e alumeado, con novos farois LED.

Esto mellorará a iluminación no acceso á praia do Padrón, algo demandado polas mariscadoras especialmente nos meses de inverno cando as condicións climáticas son peores e traballan con menos luz.

Na sesión extraordinaria do pleno tamén se acordou prorrogar o contrato do Servizo de Axuda no Fogar, á empresa Idades, por un ano máis, ata o 25 de novembro de 2025.