Ata dezaoito familias de Poio incrementaron os seus membros coa chegada, no último trimestre do ano 2024, dun bebé.
Todas elas participaron no acto organizado polo goberno municipal para darlles a 'caixa benvida' e felicitalos pola chegada ao mundo dos novos nenos e nenas.
Nun salón de plenos ateigado cos bebés, os seus pais e irmáns, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que a caixa que recibiron estas familias "simboliza a aposta deste goberno polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a vosa calidade de vida".
Moldes agradeceu a todas estas familias que apostaran por este municipio "para establecer os vosos fogares e crear os vosos proxectos de vida".
Os novos veciños e veciñas de Poio son Yasmin, Sabela, Ian, Alexander, Bruno, Darío, Adrián, Nora, Martín, Vera, Arlet Adaia, Valeria, Amaia, Martina, Iria, Drazen, Breogán e Luka.
Todos recibiron unha caixa que inclúe varios produtos infantís para os primeiros meses e que, segundo reiterou o alcalde, "é un pequeno agasallo para demostrarlles que cada un deles xa son parte importante do noso concello".

Durante o acto, o rexedor celebrou que Poio sexa un dos concellos da provincia que tivo un maior crecemento durante 2024, que aumentou en 128 persoas para situarse en 17.425 habitantes.
"Somos un concello dinámico, con moita vida e que está crecendo, no que a metade da poboación ten menos de 45 anos e con moitas persoas que están elixindo Poio para crear o seu proxecto de vida, para establecerse e para formar a súa familia", destacou.
Desde o Concello, segundo Ángel Moldes, "estamos traballando para ofrecerlles os mellores servizos e prestacións".
A este respecto, recordou que durante este mes porase en funcionamento a primeira unidade de atención temperá de Poio, que están mellorando e ampliando as áreas de xogo e parques infantís ou que as actividades de conciliación durante o verán foron gratuítas para as familias.