Poio aprobará unha modificación de crédito para garantir a rehabilitación do Centro Social de Arén

Poio
21 de xullo 2023

O alcalde, Ángel Moldes, explicou que "é un investimento que estaba en risco non só por incumprir os prazos do cronograma, senón porque ademais a administración local non tiña fondos propios para aportar a cantidade que se lle esixía e que ascende a 120.000 euros"

Reunión para falar do Centro Social de Arén, en Samieira
Reunión para falar do Centro Social de Arén, en Samieira / Concello de Poio

O goberno de Poio aprobará, no pleno municipal do próximo mércores, unha modificación de crédito para garantir a rehabilitación e ampliación do Centro Social de Arén, en Samieira, e así evitar que se perda a subvención que recibiu o Concello.

O alcalde, Ángel Moldes, explicou que "é un investimento que estaba en risco non só por incumprir os prazos do cronograma, senón porque ademais a administración local non tiña fondos propios para aportar a cantidade que se lle esixía e que ascende a 120.000 euros".

Deste xeito, sinalou que "tras analizar e valorar a situación cos técnicos municipais, atopamos unha solución para evitar que este investimento tan necesario se perda e que os veciños de Samieira queden sen unha infraestrutura necesaria".

Para o novo goberno, trátase dunha "medida urxente" para evitar que o centro corra a mesma sorte que a recuperación dos espazos públicos en Viñas e Laxes, utilizando parte dos 200.00 euros reservados para ese proxecto de mellora.

Defenden que "salvamos este proxecto e evitamos os fracasos do tripartito de perder un millón de euros e de perder tamén esta rehabilitación", unha situación que, segundo Moldes, "tivemos que xestionar".

Ademais, apunta que tamén se negociou un novo cronograma para garantir que as obras estean rematadas en setembro de 2024, "aínda que terían que estar licitadas en marzo e deberían iniciarse este mes", lamentou.

O proxecto de rehabilitación e ampliación do Centro Social de Arén, en Samieira, inclúe ampliar o edificio e mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade, a seguridade e habitabilidade. Conta cun orzamento de 277.397 euros, dos que o concello ten que asumir 120.000 euros e o resto está financiado con fondos europeos.

A modificación de crédito foi aprobada esta semana en comisións por unanimidade e o informe de intervención da modificación advirte que hai facturas rexistradas pendentes de probación por falta de crédito que ascenden a 738.260,68 euros, "que son gastos xa realizados sen existir ningunha consignación orzamentaria para a súa aprobación".