14,3 millóns de euros. Será o orzamento municipal de Poio para o ano 2025, un documento do que o alcalde, Ángel Moldes, destaca que "vai permitir que Poio continúe crecendo con estabilidade e con maior confianza e oportunidades".
O goberno local presentou este venres o orzamento, do que destacan que é "social, realista e pensado nas persoas" e respecta o obxectivo de estabilidade orzamentaria.
"É un documento planificado, que parte da análise das necesidades e prioridades da veciñanza", sinala Moldes, que insiste en que é un orzamento "dun goberno único" que permite "poñer os cimentos de proxectos e infraestruturas fundamentais para os próximos anos".
Aprobarase no pleno deste mes e permitirá aplicar a primeira redución de impostos e taxas municipais das últimas décadas, nos recibos dos vados e das viñetas dos coches, e incrementar as bonificacións que van beneficiar a máis familias numerosas nos recibos do IBI.
Moldes destaca que este proxecto orzamentario cumpre o programa de goberno e é posible "grazas á xestión económica feita no último ano", no que xestionaron todas as áreas "con moito traballo, planificación, responsabilidade e eficiencia, facendo máis con menos".
Estas contas permitirán ao goberno local reducir ao longo de 2025 a débeda viva en máis de 860.000 euros, pasando de 7,9 a 7 millóns de euros.
O gasto corrente e o persoal manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior, 7,4 e 4,7 millóns, para garantir así a prestación e a calidade de todos os servizos públicos municipais.
Por áreas, a xestión de residuos e as obras, servizos e urbanismo levan as maiores partidas, 1,7 millóns para o lixo e 5,9 para o resto.
Benestar Social ten 1,55 millóns de euros, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, axuda no fogar, educación familiar ou o Centro de Información á Muller.
Para cultura, educación e festexos, a partida ascende a 1,4 millóns; para deportes, 450.000; e para medio ambiente, 480.000 euros.