Ante a continuidade das malas previsións climatolóxicas para esta tarde-noite a consecuencia da borrasca Martinho, desde o Concello de Poio aprazan a celebración da Pasarela de Comparsas.
Será o próximo venres, 28 de marzo, ás 21.00 horas na Seca.
O Concello destaca que é a segunda edición desta exhibición na que participarán un total de doce comparsas e grupos de toda a provincia, con máis de 600 integrantes, desfilarán e ensinarán as súas creacións e coreografías na Seca, previo ao fin de festa coa animación musical de Dolce Vita.
Entre as comparsas que tiñan previsto participar nesta segunda edición inclúense as locais, As Sonecas, Os Canecos, 100Tolos e Grupo de Entroido de Samieira, así como Os Paparrulos, Retrincos, Alegría de Bora, Miúdos, Politicamente Incorrectos, Cor Café e Os da Caña.
O xurado, que estará composto por profesionais locais de diferentes eidos, valorarán e entregarán mencións especiais á orixinalidade, imaxe, animación, coreografía, interpretación musical e disfrace máis elaborado, entre outros.
FODORICO E FESTA CHOQUEIRA
Polo de agora, o Entroido continúa o sábado 22 co Enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira, na Praza do Mosteiro.
Neste caso a decisión depende da ACV Ronsel e prefire esperar a ver como evoluciona o tempo, xa que o próximo sábado coincidiría co Galo Bruxo de Samieira.
Así que, pendentes das condicións climatolóxicas, a previsión inicial é que o cortexo fúnebre saia ás 21.00 horas desde a rotonda do cemiterio ata a Praza do Mosteiro, acompañado polas comparsas locais.
A Festa Choqueira, organizada pola Asociación Ronsel, celebrarase a partir das 21.30 horas, con chocolate quente e actuación musical.