O alcalde de Poio, Luciano Sobral, laiábase este venres 2 de que xa non haxa carros de vacas para movelos de sitio durante a noite de San Xoán como mandaba a tradición porque este é un dos obxectivos do goberno local: recuperar costumes relacionados con esta festividade.
O rexedor, a concelleira Lidia Salgueiro e o representante da Escola de Acordeóns de Poio, Pepe Salgueiro, presentaban a programación das Festas de San Xoán de Poio, que se inician esta mesma xornada coa romaría de gaiteiros, un evento que se estenderá ao longo de toda a fin de semana.
As actividades para a edición deste ano contan cun festival folclórico, que se desenvolverá durante o domingo 11 e unha nova edición do Certame de Canto Coral que se poderá gozar o sábado 17.
A semana grande das festas, a partir do 22 de xuño, contará cun pregoeiro que aínda se mantén en segredo, segundo indicou a concelleira de Festas, porque este ano queren preparar algo diferente, que cubra o gusto de todos os veciños.
Ese mesmo xoves 22 recuperarase o pasarrúas con cabezudos que durante ao redor de 40 minutos percorrerá a estrada PO-308 desde a parroquia de San Xoán ata a praza situada fronte ao Concello. Con esta iniciativa quérese recuperar unha tradición que existía cando as festas eran organizadas por unha comisión veciñal. Esa xornada contará tamén co concerto da Escola de Acordeóns de Campelo.
O día 23 realizarase a recollida de herbas para lavarse a faciana con elas durante o día de San Xoán. E para a gran sardiñada popular na Seca contémplase unha cifra similar de sardiñas á do pasado ano roldando as 800, segundo apuntou Lidia Salgueiro.
O prazo para a solicitude de fogueiras na noite do 23 de xuño permanecerá aberto nas oficinas municipaisata o 19 deste mes para aquelas que se queiran realizar en areais e ata o 21 para o resto.
Habilitarase un plan de tráfico rodado con cinco zonas de aparcadoiro para facilitar a asistencia ao recinto feiral. Outra das novidades desta edición é a contratación dunha empresa que se encargue de garantir a seguridade das atraccións de feira.
O orzamento das festas supera os 60.000 euros cunha programación na que tamén se inclúen actividades culturais e deportivas, ademais de animación infantil durante as tardes dos días 25 e 26 no Parque da Memoria.