Poio ampliará a rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no Xuviño

Poio
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Esta actuación permitirá solucionar problemas de inundacións que a falta de tubaxe provoca tanto no camiño como nas fincas anexas

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García / Concello de Poio

O Concello de Poio ampliará a rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no Xuviño, o que permitirá solucionar os problemas de inundacións que afectan ás fincas desta contorna. Uns problemas que, segundo explica o edil de Obras e Servizos, Marcial García, están ocasionados porque cando se asfaltaron estes camiños non deixaron saída de pluviais e se agravaron cando se adoquinaron os camiños limítrofes sen dar continuidade ao colector, unha situación que provoca que en época de choivas intensas a auga desborda e acaba anegando tanto o camiño como as fincas anexas.

O proxecto levarase a cabo con investimento do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e inclúe tanto a dotación dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación de tramos de tubaxe no tramo que quedou pendente, como no pavimentado do camiño.

Este ano Poio destinará fondos do plan provincial para dar resposta "a todas esas actuación en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños e tamén para solucionar problemas ocasionados por execución de proxectos incompletos".

Así, ademais deste proxecto, a Xunta de Goberno local tamén aprobou destinar fondos provinciais para completar outro proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña, pero tamén inclúen investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.