Poio alcanza un 87% de ocupación turística na primeira quincena de agosto

Poio
24 de agosto 2024

Cochón cualificou estas cifras como "moi positivas", subliñando que a ocupación superou o 80% en todas as parroquias, destacando especialmente San Salvador e Combarro, onde se alcanzou máis do 90%, e Raxó, que chegou ao 95%. Estes datos, segundo a edil, "son un claro indicativo da fortaleza do sector turístico en Poio"

Oficina de turismo na Praza da Chousa
Oficina de turismo na Praza da Chousa / Concello de Poio

Durante a primeira quincena de agosto, Poio rexistrou unha ocupación turística do 87%, segundo informou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón. Este dato obtívose a partir da información solicitada en máis de 40 establecementos de todo o concello.

Cochón cualificou estas cifras como "moi positivas", subliñando que a ocupación superou o 80% en todas as parroquias, destacando especialmente San Salvador e Combarro, onde se alcanzou máis do 90%, e Raxó, que chegou ao 95%. Estes datos, segundo a edil, "son un claro indicativo da fortaleza do sector turístico en Poio".

Ademais, durante a primeira metade de agosto as oficinas de información turística do municipio atenderon a máis de 2.000 visitantes, sendo un 95% deles provenientes de distintas rexións de España, principalmente de Madrid, Andalucía e Cataluña.

En canto aos visitantes estranxeiros, a maioría chegaron de Francia, Italia e Alemaña, entre os que destacan os peregrinos que continúan percorrendo, mesmo no verán, as variantes Espiritual e Padre Sarmiento do Camiño de Santiago.

O turismo náutico é outro dos aspectos destacados pola concelleira, particularmente no Porto Deportivo de Combarro, que alcanzou un 100% de ocupación nos seus amarres con embarcacións de todo o mundo enchendo o porto.

Doutra banda, Cochón mencionou a importancia que ten a Festa do Mar, inaugurada o xoves, como un "escaparate inmellorable para achegar Poio ao mundo".

Durante os catro días de celebración, Combarro, cuxo centro histórico é o segundo destino máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago, mostra a súa esencia mariñeira a través de actuacións musicais, exposicións de cultura mariñeira, exhibicións e regatas de embarcacións tradicionais, así como unha destacada oferta gastronómica proporcionada polos establecementos hostaleiros da zona.

Ata o domingo 25 de agosto, día que se clausura a citada festa, a oficina de información turística da Escola do Campo trasladarase á Praza de Chousa, onde informadores municipais ofrecerán atención personalizada aos miles de turistas que visitarán a vila durante estes días. Estará aberta de 10:00 a 22:00 horas.

Por último, a edil destacou que só na xornada inaugural da Festa do Mar, o persoal da oficina atendeu a máis de 750 visitantes, tanto nacionais como internacionais, o que representa un "claro éxito" para a promoción turística do concello.