Podería ser recoñecido Ravachol nas Letras Galegas? A clave está en Enrique Labarta

Pontevedra
14 de xaneiro 2024

A botica de Perfecto Feijoo é o epicentro do Entroido pontevedrés. Entre as persoas que acudían á tertulia do farmacéutico estaba o escritor e xornalista Enrique Labarta, quen foi o autor do epitafio ao loro Ravachol polo seu pasamento. Dende hai 25 anos, un colectivo loita para conseguir o recoñecemento das Letras Galegas para Labarta Pose

Fotografía de Enrique Labarta Pose na portada do libro 'Antoloxía poética'
Fotografía de Enrique Labarta Pose na portada do libro 'Antoloxía poética' / Editorial Galaxia

Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 1863 - Barcelona, 1925) foi un escritor e xornalista que desenvolveu unha prolífica obra a camiño entre os séculos XIX e XX. Nos últimos anos, unha Comisión creada en 1999 na súa vila natal está a realizar unha intensa campaña de reivindicación para que sexa homenaxeado no Día das Letras Galegas. "Considero que nunca un autor tivo un respaldo social na proposta para as Letras tal como Labarta en todas estas épocas", manifesta Xosé Manuel Varela, investigador da figura de Labarta, a quen adicou a súa tese de licenciatura, e membro da Comisión.

Jorge Mira, o presidente da Comisión Enrique Labarta, lembra que o autor baiés foi cualificado como "o Quevedo da literatura galega", en alusión ao dominio de diferentes xéneros e artes. Xornalista, fundador de periódicos e revistas, narrador, autor teatral, poeta, fotógrafo o divulgador do fonógrafo, entre outras facetas.

A vinculación con Pontevedra de Enrique Labarta comeza en 1899, ano no que ingresa como Oficial de Facenda na cidade grazas a Eduardo Vincenti, a quen Labarta lle dedica o libro Bálsamo de Fierabrás como agradecemento. "Foi un axente cultural de primeiro nivel en Pontevedra, xunto con toda a xente coa que se relacionaba: Perfecto Feijoo, Muruais ou Valle Inclán", indica Varela. 

O investigador destaca a grande actividade que Labarta levou a cabo como xornalista, con colaboracións no Diario de Pontevedra, e como editor de revistas. "As súas dúas mellores revistas sacounas en Pontevedra: Extracto de Literatura, onde foi un pioneiro en España na introducción da fotografía, e Galicia Moderna".

No momento en que estaba nacendo o teatro en galego, realizou sainetes cómicos. "En Pontevedra tivo moita importancia nos apropósitos carnavalescos, movendo a toda a cidade", afirma o estudoso de Labarta.

LABARTA E RAVACHOL

Esta relación co Entroido e co farmacéutico Perfecto Feijoo lévanos a un personaxe que está inevitablemente unido á famosa botica, lugar de reunión e tertulia dos intelectuais da época: o loro Ravachol, a quen mesmo se lle fixo un ritual fúnebre á súa morte, ocorrida o luns de Entroido de 1913. 

"Labarta foi a persoa que puxo en valor no seu momento ao loro Ravachol. Cando faleceu, fíxolle un epitafio. Labarta foi a estrela do Entroido pontevedrés no seu momento, e a través do loro Ravachol segue presente no Entroido contemporáneo", anota Varela.

En 1900 sae á luz en Pontevedra o libro El carnaval de 1900, que inclúe unha lixeira reseña sobre as festas do Entroido baixo o título Recuerdos del carnaval de 1900 e o apropósito carnavelesco Pontevedra en 1900. Esta obra, acompañada da música de Isidro Puga, foi estreada no Teatro de Pontevedra o 1 de marzo de 1900.

A cidade recoñeceu a achega de Enrique Labarta Pose adicándolle unha rúa en 1950, que desemboca no paseo das Palmeiras. Só noutra vila atopamos outra vía co seu nome, en Carballo, e en Baio (Zas) a praza situada ao lado da súa casa natal leva a denominación de Enrique Labarta.

Máis lonxe, en Barcelona, hai un recoñecemento da súa figura nunha placa inaugurada no barrio de Gracia na multitudinaria homenaxe que se lle fixo no 25 aniversario da súa tráxica morte, ocorrida no Hospital Clínico de Barcelona, debido ás feridas causadas no descarrilamento dun tren entre as estacións de Las Planes e Sarriá, que se saldou con 24 mortos e máis dun centenar de feridos.

AUTOR INXUSTAMENTE ESQUECIDO 

A Barcelona chegara Enrique Labarta ao ascender ata o posto de Xefe de Negociado de terceira clase da Inspección de Facenda da provincia. Este tempo fóra de Galicia é para os estudosos a principal razón do esquecemento dunha figura clave na cultura galega do cambio de século. "Os seus ósos están nun osario en Barcelona. Labarta fixera un poema a modo de testamento onde dicía que quería ser enterrado na súa terra. Está enterrado en Barcelona e como as tumbas teñen caducidade, se non se renova pasa a unha zona común. O Concello de Zas quería traer os restos mortais para Baio, pero encontrouse con ese problema", apuntala Varela.

"A historia non o tratou ben, escribiron algúns autores pouco despois da súa morte"

"A historia non o tratou ben, escribiron algúns autores pouco despois da súa morte", expón Tania Carreira, técnica de Cultura do Concello de Zas, entidade que está a facer unha forte labor de difusión deste "grande olvidado" para sumarse á reivindicación do Día das Letras Galegas para Enrique Labarta Pose "e para darlle tamén a súa presenza na historia", incide Carreira. Recentemente, o Concello vén de habilitar unha páxina web que percorre a vida e obra do autor, onde tamén se recolle o seu periplo pontevedrés. 

A última iniciativa é a publicación esta mesma semana por Galaxia do libro Antoloxía poética, de Enrique Labarta Pose, en edición de Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela. Nesta obra recóllense corenta poemas en lingua galega publicados tanto en libro como en prensa, e moitos deles acadaron premio en distintos certames literarios da época.

Esta iniciativa vén de sumar novas razóns para que o plenario da Real Academia Galega considere adicar a Enrique Labarta Pose o próximo Día das Letras Galegas. "Agora a razón inescusable é que no 2025 é o centenario da súa morte, xa é un argumento de peso, non se pode deixar pasar esta oportunidade", esgrime Xosé Manuel Varela. "En todos os anos que levamos do século XXI aínda non se recoñeceu ninguén das letras galegas do século XIX, que é un dos séculos máis potentes para a historia do galego, a época do Rexurdimento", remata Jorge Mira.

Arquivado en