Xa se poden solicitar as bonificacións do IBI para familias numerosas de Poio

Poio
11 de decembro 2024

A medida, que afecta a 235 familias numerosas empadroadas en Poio, permitirá reducir os recibos entre o 40 e o 90%. As familias teñen ata o 31 de marzo para solicitar esta redución

Ángel Moldes, alcalde de Poio, mantivo un encontro con representantes de AGAFAN
Ángel Moldes, alcalde de Poio, mantivo un encontro con representantes de AGAFAN / Concello de Poio

A bonificación do IBI aprobada polo Concello de Poio para as familias numerosas do municipio xa se pode solicitar. 

A medida, que afecta a 235 familias numerosas empadroadas en Poio, permitirá reducir os recibos entre o 40 e o 90%.

As familias teñen ata o 31 de marzo para solicitar esta redución no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. A bonificación manterá unha vixencia de cinco anos.

Xunto coa solicitude, deben aportar o título de familia numerosa vixente a 1 de xaneiro do exercicio no que debe surtir efectos a bonificación, certificado ou volante de empadroamento, declaración do IRPF dos integrantes da familia ou ben autorización á administración tributaria do Concello para acadar eses datos da Axencia Tributaria.

A renda da unidade familiar dividida polos membros da mesma non poderá superar o dobre do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente referido a 12 pagas.

No caso de que teñan ata 3 fillos, o recibo reducirase un 40% e, a partir de aí, engadirase un 10% máis de bonificación por cada fillo na unidade familiar (50% para catro, 60% no caso de cinco... ata o 90% en caso de que sexan oito ou máis).

Para aplicar estas bonificacións foi preciso modificar a ordenanza fiscal do imposto de bens e servizos e agora, segundo a información facilitada polo Concello poderán beneficiarse practicamente todas as familias numerosas. Antes, só sete

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que se trata dunha "mellora moi importante" e unha medida "xusta, real e necesaria" que "reafirma o compromiso" do Goberno local coas familias.

En 2025 tamén se aplica para todos os veciños e veciñas de Poio a redución nun 5% do imposto de circulación e a taxa dos vados, que supoñen a primeira baixada de impostos do Goberno local e a primeira minoración de impostos que se recorda nas últimas décadas. O resto de tributos conxélanse.