Podemos pide ao Ministerio que non admita a trámite o proxecto de dragado do porto de Vilagarcía de Arousa

O Salnés
01 de xullo 2021

Podemos denuncia no Congreso o risco de depositar lamas contaminadas nas inmediacións de Sálvora

Antón Gómez Reino, deputado de Galicia en Común
Antón Gómez Reino, deputado de Galicia en Común / Unidas Podemos

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de presentar unha iniciativa no Congreso para instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a non admitir a trámite o proxecto de dragado do porto de Vilagarcía de Arousa por incumprir unha resolución ministerial, así como polo impacto ambiental que suporía para unha zona de pesca e marisqueo con diversas figuras de protección declaradas. 

Segundo explica Podemos, o obxectivo do proxecto é extraer cerca de 85.000 metros cúbicos de sedimentos do canal de entrada e zonas da dársena ata acadar a cota -10 "para vertelos na bocana da Ría de Arousa, moi próxima á illa de Sálvora, exactamente no Punto de Vertido de Sálvora". En abril o Ministerio prohibiu o vertido de áridos nesta zona, debido aos constantes avisos das organizacións veciñais e medioambientais. 

A redacción do plan de "Dragado do canal de entrada e dársenas polo porto de Vilagarcía de Arousa" realizouse en novembro de 2020, de maneira que, segundo Podemos "está desactualizado e incumpriría o último dictamen do Goberno". "De feito, o propio estudo previo apuntaba que existen indicios de contaminación por Níquel, Cadmio e TBT, que poden desplazarse polas correntes do mar ou aflorar", sinala esta formación nun comunicado.

Debido á carga contaminante destes elementos, Unidas Podemos insistiu na necesidade de revisar o proxecto e buscar outro punto de vertido e tratamento dos residuos en terra, xa que esta zona se adica na súa maior parte á actividade pesqueira (pesca, acuicultura e marisqueo) e conta cunha alta presencia turística.

"A Autoridade Portuaria debe respectar a resolución do Ministerio e actualizar este plan de dragado, que podería ter consecuencias graves para a Ría de Arousa e para as familias que viven do mar", declarou o deputado Antón Gómez Reino. 

"Temos que garantir puntos de vertidos que non afecten a espacios naturais protexidos, e neste caso, non é así. Na Ría de Arousa existe unha gran cantidade de especies sensibles e non podemos permitir un proxecto de dragado que pode supoñer unha grave episodio de contaminación", apuntou Gómez Reino.