Hai un novo contendente pola Alcaldía de Pontevedra. Podemos confirmou que se presentará ás eleccións municipais. Iso si, non o fará só. Será cunha candidatura conxunta con Esquerda Unida o que replicará o modelo de coalición que ambos os partidos rexistraron para as xerais: En Común Unidas Podemos. A marca electoral será Podemos-Esquerda Unida-Son en Común
Deste acordo en Pontevedra, con todo, caen Anova e Equo, segundo confirmaron a PontevedraViva desde Podemos. A rolda de contactos iniciada polo partido de Pablo Iglesias incluíu tamén a Marea Pontevedra, buscando un posible acordo que estes últimos rexeitaron, optando por respectar os seus procesos de primarias.
O candidato de Podemos e Esquerda Unida en Pontevedra será o secretario municipal de Podemos, José Ramón Otero; mentres que o número 2 -que previsiblemente será unha muller- sairá das filas de Esquerda Unida.
A candidatura, que se coñecerá nos próximos días, será cremalleira entre ambas as organizacións, que colocarán aos seus membros de maneira alternativa. Todos eles serán, avanzan desde Podemos, persoas cunha ampla experiencia nos movementos sociais, políticos, sindicais ou veciñais da cidade.
Por parte de Podemos, segundo determinaron as súas primarias, estarán Bárbara García Iglesias, Mar Moreira Dopazo, Ivan Urtaza Coto, Victor Sariego Balbona, Francisco José Fraiz Alvarez, Marta Marcos, Fernando Martínez Valdueza e Laura Trastoy Torregrosa.
Ademais, Podemos desvelou algunhas das súas primeiras propostas coas que se presentarán ante as urnas en Pontevedra.
Así, apostan por crear un parque de vivenda en réxime de aluguer, estudar a posta en marcha dunha renda básica incondicional, avanzar nun transporte público e unha mobilidade sustentable, recuperar o litoral da ría de Pontevedra ou rexenerar a praia de Lourizán, engadindo ademais un paseo peonil entre Pontevedra e Marín.