Que quede moi claro que son unhas eleccións ficticias dentro dun exercicio académico como parte da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional.
Neste contexto os universitarios plantexaron catro opcións entre as que o alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos poderá optar nas votacións que terán lugar o vindeiro xoves 14 de abril como último acto da campaña electoral ficticia que o profesor Xosé Rúas promove un ano máis en Ciencias Sociais e da Comunicación.
Unha formación que defende a integración e o traballo conxunto de todo o alumnado da facultade e outra que avogará na súa campaña por promover unha desconexión das pantallas, xunto a un partido que presenta un personaxe ficticio como candidato e outro que con ironía toma coma súa a estética dos movementos ditatoriais.
La Mina, Empanados, Meme e La Red son os nomes das catro formacións ideadas polo alumnado para uns comicios nos que se decidirán dous puntos da súa cualificación final e que Rúas presenta como un "xogo de rol, con todas as súas virtudes e inconvenientes".
Segundo explicou o profesor no Diario da Universidade de Vigo, trátase de trasladar os coñecementos teóricos adquiridos "á realización dunha campaña electoral e vivila coa emoción, paixón e mobilización propia das mesmas".
Así, ao longo das próximas semanas, iranse sucedendo na facultade as accións promovidas polos diferentes partidos, ás que se suman os mitins e o debate programados para os días 6 e 13, respectivamente.