María Dolores Méndez Lariño é avoa de Antón e José Luís Rodríguez García é avó de Elena. Os seus netos, estudantes de terceiro curso de ESO no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra trouxeron aos seus avós a PontevedraViva Radio para completar unha actividade interxeracional neste curso.
Antón Nogueira Rodríguez é o primeiro do sete netos e netas de Chus (María Dores); e Elena Martínez Rodríguez é a sexta das sete netas de Pepe (José Luís). Mentres que os menores nos presentan aos seus maiores, estes lembran como eles chegaron ás súas vidas.
Inevitable e previsiblemente, Chus e Pepe emociónanse ao falar de netos. E estes falan orgullosos dos seus avós. Ambas as parellas manteñen unha estreita e sostida relación. Un vínculo afectivo mutuo que se evidencia durante todo o faladoiro.
Hai aprendizaxe dun lado a outro, os avós - sen que llos pidan - dan os seus consellos aos máis novos; "máis que pedilos, xa sabe o que me fai falta", di Antón. E estes ensinan e axudan aos seus maiores en habilidades como as tecnolóxicas e dixitais.
No exercicio da 'abuelidad' (termo aínda sen recoñecemento por parte da RAE), Pepe e Chus coinciden en que se pode consentir dentro dunha orde: "a responsabilidade é dos pais, pero eu quero que sexan educados e teñan os seus valores; pero si, dentro dunha orde e unhas normas, consíntolles un pouquiño máis" di esta avoa. Ademais, reivindican o seu espazo coa súa descendencia: "gozo máis delas cando non están os pais e creo que elas tamén", engade Pepe.
Afirman uns e outros que se falan de calquera tema, e si non se fala dalgún é porque non hai interese niso. Os seus netos teñen catorce e quince anos e precisamente "nas conversacións que temos" atópanos "máis formados e preparados para a súa idade". Descubrimos tamén durante a charla deste podcast, que mesmo comparten afeccións.
Antes que avós foron pais e xorden unhas reflexións que afectan a ambos os roles: "quizá houbo un momento en que lles puxemos as cousas moi fáciles (aos fillos), unha alfombra moi abrandada e iso tamén tivo consecuencias", comenta Pepe e engade Chus "preocúpame o seu futuro, que mundo ímoslles a deixar, é o que me ten realmente preocupada. Os valores, os principios... esas cousas polas que loitamos na mocidade. Agora todo está nun lodo que non sei onde vai ir, espero que haxa unha revolución que lles traia un futuro estupendo".
Para completar o programa, preparámoslles unha sorpresa. Elena e Antón respostan unhas preguntas sobre os seus avós que estes non escoitan e viceversa, Chus e Pepe respostan sobre os seus netos sen que estes saiban que dixeron... ata que escoiten xuntos o podcast.