PODCAST. Os máis novos debaten: comercio físico ou comercio dixital?

Pontevedra
20 de marzo 2025
Actualizado: 9:51

Oito estudantes do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra puxéronse ante os micrófonos de PontevedraViva para debater. Completaban así un proxecto que realizan durante o presente curso

Alumnos de segundo de Bacharelato do Instituto Sánchez Cantón
Alumnos de segundo de Bacharelato do Instituto Sánchez Cantón / Mónica Patxot

Oito mozos pontevedreses demostran a súa capacidade oratoria ante os micrófonos de PontevedraViva. Son alumnos de segundo de Bacharelato do Instituto Sánchez Cantón. Completan con este podcast un proxecto que realizan durante o presente curso a través do que se achegaron ao comercio local desta capital.

Divididos en dous grupos, sentaron a debater. Unha parte defendía o comercio dixital ou comercio en liña, mentres que o outro grupo argumentaba a favor do comercio físico. Elas son Doaa Jamladi Jamladi, Sara Bouzas Alborja, Uxía Barreiro Barreiro e Lea Illán Rodríguez. Eles son Martín Velasco Morales, Roque Pazos Fontes, Guillermo Núñez Barros e Aldán Rubido Trigo.

A parte defensora do comercio dixital expuxo entre os seus argumentos a favor e cara ao cliente: a accesibilidade, competitividade, comodidade, diversidade na oferta, ou "a liberdade para mirar e/ou comprar o produto sen presión por parte de vendedores".

Na parte que defendía o comercio físico aludían a un trato personalizado, posibilidade de probar e comprobar o produto, non deixar fóra a sectores da poboación con dificultade para o manexo dixital, facilitar a socialización, ou "pon en valor un comercio que ultimamente se está perdendo".

De igual forma ambas as partes referían aos custos que leva para quen deciden emprender, abrindo un negocio físico ou facéndoo a través dunha plataforma dixital. Evidenciaron que son unha xeración que coñece e utiliza a oferta comercial dixital en todas as súas posibilidades.

O impacto medioambiental ou o impacto económico que este sector comercial ten na economía global e tamén na máis próxima foron outros dos aspectos sobre os que argumentaron, en defensa e en contra de cada criterio.

Para completar o debate expuxéronse tres preguntas para afondar sobre as súas prácticas, opinións e expectativas. A primeira: onde comprades?. A segunda enfocada ao ámbito máis próximo: botades en falta algo en relación ao comercio físico de Pontevedra?. E a terceira: contemplas nun futuro emprender algún negocio?.

Non son os únicos estudantes deste centro que pasarán polo podcast 'Conversas na Ferrería'; en breve alumnos de terceiro curso de ESO estarán nestes micrófonos cun contido moi especial.