PODCAST. 'Boomer el último' abre todo un manual de uso: as frases de nai

Pontevedra
16 de marzo 2025

Escoitar este capítulo do podcast 'Boomer el último' farache sentir identificado, como fillo ou filla, ou como nai! E é que ese manual de frases segue vixente a través do tempo

Jesús Fontanes e Marcial Outeda rememoran infancia a través das frases de nai
Jesús Fontanes e Marcial Outeda rememoran infancia a través das frases de nai / PontevedraViva

Hai un manual que non falta en ningún fogar. E non falta aínda que non se teña edición impresa. Ese manual de frases de nai é como unha herdanza xenética que non se perde. E este podcast vén demostralo.

Fosen do norte ou do sur, do Atlántico ou do Mediterráneo, todas as infancias conservan na memoria momentos con esta banda sonora: "Como vaia eu e o atope...!", "pero ti cres que son o Banco de España?", "eu á túa idade xa había...", "e se fulanito tírase dunha ponte, ti tamén?", en definitiva "porque o digo eu que son a túa nai".

Marcial Outeda e Jesús Fontanes fan un inventario daquelas míticas frases de nai. Eran advertencias, eran ordes sutís, eran preguntas retóricas das que todas as nais facían (e fan) uso para o exercicio desa ardua profesión.

As fillas e fillos descubriron a través da experiencia que elas teñen poderes adivinatorios e lembrábancho coa consabida: "díxencho!".

Anticipábanse aos tempos vindeiros, ou hai dúbida de que foron as pioneiras no uso da linguaxe inclusiva?, lembra: "nin chintófono, nin chintófana!".

A unha nai non se lle reta porque sabe cal é o teu punto débil: "cando aprobes todo comprareicho". Aínda que, tamén tiñan as súas contradicións; o mesmo soltaban aquilo de "esquecéuseche que tes casa?" que pola contra "se non che gusta, colle a porta e vaite".

Co seu habitual diálogo de retranca, Jesús e Marcial traen outra hora de entretemento neste capítulo. Miran á súa infancia e adolescencia e esta vez tamén, engadindo unha homenaxe ás nais... e ás avoas.

(Para a imaxe deste capítulo de 'Boomer el último' utilizáronse programas de IA. Partindo de senllas fotografías actuais de Marcial Outeda e Jesús Fontanes pediuse á IA que xerase como serían de bebés. O resultado é o que se mostra).