Os veciños e veciñas de Sanxenxo xa non terán que desprazarse a Pontevedra ou Vilagarcía para obter ou renovar o DNI ou o pasaporte, poderán facelo directamente no seu municipio.
A Policía Nacional levará a Sanxenxo o proxecto Vidoc (Vehículos Integrais de Documentación), que supón habilitar oficinas móbiles de documentación que permitirán nun só trámite obter tanto o DNI como o pasaporte. E todo nun tempo non superior a 15 minutos.
Para facelo posible, o Concello acaba de adherirse a este proxecto e celebrouse unha reunión de traballo entre responsables municipais e da Policía Nacional.
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Perez, explicou que se trata dun novo servizo que "facilitará as xestións aos nosos veciños que xa non terán que desprazarse aos puntos máis próximos até agora como Pontevedra ou Vilagarcía".
As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono da Policía Local (986 72 70 72) para solicitar cita previa.
A Comisaría de Pontevedra facilitará o día que se vai a acudir á localidade e o número de documentos que se poden expedir ese día e a Policía Local encargarase da xestión da cita.
O servizo está previsto que se poña en marcha no próximo mes de marzo na contorna da piscina municipal de Baltar, ao ser o lugar que reúne os requisitos técnicos que esixe a unidade móbil de máis de sete metros de longo.