A poboación de Caldas consolídase por enriba dos 9.600 habitantes e é a máis estable da comarca

Umia
12 de xaneiro 2025

Perdeu seis habitantes en 2024. É o municipio da comarca de Umia que menos poboación perdeu e desde 2004 non baixa dos 9.600. O alcalde presume de "concello atractivo para vivir"

Vista da casa consistorial de Caldas de Reis
Vista da casa consistorial de Caldas de Reis / Concello de Caldas

Caldas de Reis permanece fiel aos 9.600 habitantes. Unha vez pechados os datos de 2024, desde o Concello destacan que é o municipo da comarca de Umia con maior estabilidade poboación

Segundo a información facilitada polo Concelo, a vila só perdeu seis habitantes con respecto a 2023, sendo o municipio que menos perde en toda a comarca do Umia.

Así, o resto dos municipios perderon máis poboación: Pontecesures (-12) e Moraña (-16) son os seguintes, mentres que outras localidades como Valga (-33), Cuntis (-34) e Portas (-42) experimentaron un maior descenso.

Segundo os datos que reflicte o Instituto Nacional de Estatística (INE), sumou no ano 2024 un total de 9.614 habitantes. 

Este dato supón que Caldas mantén unha liña moi regular de poboación desde hai practicamente dúas décadas, toda vez que hai que remontarse máis alá de 2004 para atopar o último dato no que o número de habitantes descende dos 9.600.

O alcalde, Jacobo Pérez, valora como "moi positivo" o dato da poboación e considera que "non fai máis ca consolidar a imaxe de que Caldas de Reis é un concello atractivo e no que existe unha calidade de vida elevada e axeitada para a veciñanza".

Jacobo Pérez avanza que desde o Goberno local teñen intención de "continuar traballando para seguir consolidando a Caldas de Reis un concello atractivo para vivir", con servizos de primeira calidade tanto no rural como no centro urbano e con propostas lúdicas, deportivas e dinamizadoras do comercio e dos negocios locais, "tal e como xa estamos a facer". 

O Concello tamén informa de que unha das medidas que se vén de implementar recentemente é un reforzo do Servizo de Atención Cidadá, co que se pretende dar unha resposta o máis rápida posible a avisos e incidencias de todo tipo.

A Administración local pon a disposición da cidadanía un número de teléfono, o 647574316, a través do cal, vía WhatsApp, poden dar parte de notificacións para o arranxo de puntos de luz, peticións de recollida de restos de voluminosos ou advertencias de árbores caídas ou sobre as que existe risco de que se veñan abaixo.

Sobre este punto, Pérez destaca que "o contacto directo coa veciñanza é unha das nosas prioridades e con este tipo de ferramentas queremos que ese ‘feedback’ estea aínda máis consolidado".