O goberno de Sanxenxo levará ao próximo Pleno ordinario do luns a suspensión de licenzas de parcelamento de terreos e edificación na contorna do novo cemiterio de Dorrón durante o prazo dun ano.
A finalidade desta medida é establecer unha distancia de protección até a aprobación inicial da modificación da PXOM que podería concluír a súa clasificación como solo rústico.
En canto ao ámbito afectado pola suspensión, asegura o informe técnico "tendo en consideración as previsións da normativa autonómica vixente e a finalidade de estudo e análise do período de suspensión, pode establecerse en 50 metros medidos a partir do peche exterior do cemiterio, sen prexuízo de que, en función das circunstancias correntes, na modificación puntual da PXOM poida resultar afectado un ámbito superior ou menor".
No entanto, si como consecuencia deste estudo preliminar identificásense outros cemiterios na mesma ou similar situación, debería adoptarse un novo acordo de suspensión de licenzas en relación con estoutros ámbitos.
O Pleno, previsto para o luns, ás 10 horas, tamén abordará a aprobación dun orzamento de 41.056.869 euros para este ano.
En 2025 Sanxenxo vaise a beneficiar de 19,7 millóns de euros de investimentos, un ano máis a maior parte o 80% procede de fondos europeos e doutras administracións.
Doutra banda, o gasto social consolidado ascende a 9,3 millóns fronte aos 7,7 millóns de euros do ano pasado.
O orzamento prevé ampliar o número de familias ás que vai atender o servizo de atención no fogar (SAF) cun incremento do gasto de 802.000 euros máis que en 2024.