O pleno da Deputación de Pontevedra, en sesión extraordinaria, aprobou por unanimidade unha modificación de crédito de 43 millóns de euros.
Estes cartos estarán destinados a financiar dous novos programas de cooperación cos concellos deseñados polo goberno provincial.
Trátase do Plan Provincia Extraordinaria, o Plan Extra, dotados con 35 millóns e que saíu adiante cos votos favorables do PP, mentres que os grupos da oposición votaron en contra. No caso do BNG ao considerar que as bases son "manifestamente mellorables" polo "pouco tempo" de prazo aos concellos para presentar proxectos.
Ten como obxecto subvencionar investimentos relacionados coa construción de novas instalacións públicas ou equipamentos, a rehabilitación das existentes, a mellora ou humanización de espazos públicos urbanos ou naturais, así como actuación que fomenten a recollida separada de residuos de orixe doméstica mediante a adquisición de vehículos, contedores ou outros elementos.
O outro plan é a segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, de 8 millóns e foi aprobado por unanimidade.
O obxecto deste plan volve ser o de subvencionar proxectos municipais para a construción de novos espazos públicos de uso deportivo, a modernización dos existentes, a dotación de equipamentos ou a adquisición de terreos para uso deportivo.