O goberno local de Moraña ten previsto aprobar este xoves o proxecto técnico para a execución da segunda e derradeira fase da modernización do campo de fútbol de Mirallos, ao que se destinarán 390.968 euros financiados ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O executivo dirixido por Sito Gómez presentará ante o pleno este documento técnico para sometelo á súa aprobación co obxectivo de proceder á inmediata licitación das obras coa intención de que o campo estea listo e poida ser empregado polos deportistas na próxima tempada 2025/2026.
O alcalde esplicou que esta "importante obra para o Moraña CF e para o deporte local" sufríu numerosos contratempos, desde a quebra da primeira empresa adxudicataria ata problemas cos prezos e coa subministración de materiais pola guerra de Ucraína, entre outras cuestións, "pero estamos convencidos da súa necesidade e importancia e por iso imos sacala adiante como sexa", afirmou.
A obra, que se desenvolverá nunha superficie de 7.452 metros cadrados, dará continuidade aos traballos da primeira fase, centrados no movemento de terras e a instalación de drenaxe, e permitirá dispoñer dun campo de céspede natural cunha superficie de 100 por 60 metros aos que se engadirán laterais de 1,5 metros nas bandas e de 2 metros nos fondos.
Os traballos recollidos no proxecto técnico consistirán na dotación dunha capa drenante e de materiais de base, a subministración, nivelación e compactación dos terreos con pezas de enraízamento, a colocación e semente de céspede de ata 17 centímetros de altura e o abonamento e demais traballos propios para este terreo de xogo.
Así mesmo, instalaranse sistemas de rego con aspersores emerxentes no anel perimetral, a colocación de catro torres de iluminación Led de ata 18 metros de altura, o remate do peche perimetral para a súa unificación estética con paneis prefabricados de formigón, o traslado da taquilla e a construción dun novo portón de acceso, que se ubicará no lateral do gradarío.