Un emocionado Xosé Manuel Fernández Abraldes converteuse este sábado no novo alcalde de Barro. Despois de 32 anos de goberno do popular José Antonio Landín Eirín -só interrompidos por sete anos nos que, ao estar inhabilitado, cedeu o cargo á súa esposa-, o municipio terá un goberno de esquerdas. O líder do BNG recibiu o apoio dos seus outros tres compañeiros e dos dous concelleiros do PSdeG-PSOE.
Abraldes, que non puido reprimir as bágoas ao aceptar o cargo, tivo un sentido recordo nada máis empezar o seu discurso a Castor Castro, alcalde de Barro durante a República, un home "represaliado polas súas ideas e a defensa da liberdade". Tras iso, o recén investido alcalde quixo agradecer o apoio dos edís nacionalistas e socialistas e aos veciños "que nos votaron para conseguir esta alcaldía".
A partir de agora, dixo, "intentaremos gobernar para todos os veciños, independentemente da súa ideoloxía, modo de pensar ou opinión,". A súa prioridade será poder paliar "na medida do posible" a situación que están a atravesar moita xente "polo momento que estamos a vivir" e para iso pediu "o apoio de todos", porque o seu será, reiterou, un concello "aberto á participación de todo o mundo".
Xosé Manuel Fernández Abraldes recibiu o apoio dos outros tres concelleiros do BNG, Roberto Rivas, Amelia Cancela e Antonio Giráldez -que prometeron o seu cargo coa súa man enriba dun exemplar de Sempre en Galiza de Castelao-, e dos dous edís electos do PSdeG-PSOE, Lía Rodríguez e o seu cabeza de lista, José Sanmartín, con quen Abraldes se fundiu nun abrazo nada máis tomar posesión como alcalde.
Foi o único candidato que se presentou para ser elixido alcalde, xa que o popular Landín Eirín anunciou que o seu grupo se abstería antes de comezar a votación, que se produciu a man alzada tras o acordo alcanzado entre os tres partidos. Xunto ao exalcalde, o Partido Popular estará representado na nova corporación por María Teresa Roig, Jesús Manuel Moreira, María Dolores Martiñán e Emilio Ucha.
O LUNS 22, REUNIÓN PARA PECHAR O PACTO
Xosé Manuel Fernández Abraldes explicou que, unha vez lograda a investidura, que xa estaba asegurada dende o día das eleccións porque "PSOE e BNG tiñamos a vontade de investir un alcalde alternativo a Landín", ambas as dúas formacións retomarán as conversacións para pechar un pacto de goberno estable e "pechar os flecos que quedan". Será, explicou, un goberno "solidario" no que participarán os seis concelleiros electos por ambas as dúas partes.
Este encontro non se producirá antes porque a partir do xoves se celebra a Festa do Viño de Barro, un evento que ambos os dous partidos tiveron que organizar "sen ter cargo para poder facelo". Desta festa quedan "ultimar un par de recados", polo que "esperaremos que pase esta semana" para conformar o novo goberno e todo o funcionamento interno do concello.