A corporación municipal do Concello de Poio deu luz verde a reforzar os Servizos Sociais, tras aprobar a modificación da Relación dos Postos de Traballo (RPT) que permite crear unha nova praza de traballador social con vinculación funcionaria de carreira que, xunto aos dous profesionais cos que xa conta o servizo e á persoa que se vai incorporar a través de fondos provinciais, permitirán que o municipio conte por primeira vez, con catro traballadores sociais para atender á cidadanía.
Foi na sesión plenaria ordinaria de marzo, que se celebrou este mércores, no que puxeron en valor que a modificación da RPT foi consensuada cos sindicatos e, ademais, tamén modifica o complemento de destino do posto traballador social como xefe de departamento, así como cambio de funcións nas prazas de oficial de primeira de xardinería e de axudante de deportes.
Con respecto á nova praza de traballador social, entre as funcións inclúense prestar atención directa ás persoas a nivel individual, familiar ou comunitario, realizar a xestión e tramitación de recursos e prestacións do sistema de benestar social ou planificar a programación dos recursos e servizos necesarios para atender os problemas e necesidades detectados, entre outros.
Esta decisión, explicou o alcalde Ángel Moldes, permitirá reforzar o servizo, prestar unha atención máis efectiva e reducir o tempo de espera na atención á veciñanza.
Unha vez aprobada a modificación da RPT en pleno, iniciarase o proceso de contratación dos novos profesionais para que poidan incorporarse ao servizo coa máxima brevidade.
Tamén por unanimidade do pleno, aprobouse ampliar as axudas que o Concello de Poio outorga para financiar os comedores escolares, unha axuda que se aumenta a 2 euros por neno e menú.
Outro dos puntos abordados no pleno foi a modificación das subvencións nominativas aprobadas xunto co orzamento, co fin de suprimir a axuda prevista en favor da asociación A Rosa dos ventos motoclub ao non organizarse a edición deste ano, e aprobar unha subvención nominativa a favor de Cristian Fernández Nieto, por importe de 3.000 euros para cofinanciar os gastos derivados da súa carreira deportiva na modalidade de duatlón, así como a favor do IES de Poio, para cofinanciar o proxecto "Rede de centros para a convivencia positiva", por importe de 2.800 euros. O resto da cantidade, incorporarase á partida da programación da Festa do Mar.
Por último, o alcalde deu conta do informe de intervención de control interno do exercicio 2024, un documento que, segundo indicou Moldes, ten cifras similares que anos anteriores, cos gobernos tripartitos, tanto en número de reparos como en porcentaxe de informes desfavorables, así que asegurou non entender o "falso alarmismo da oposición, xa que agora a única diferencia é que goberna o Partido Popular".