Plataforma única, empedrado e maior accesibilidade, a nova vida humanizada de Liñares

Poio
05 de outubro 2024

O Concello de Poio da por rematado o proxecto para a humanización de Liñares, que contou cun investimento de 159.493,28 euros.  A actuación contribúe a "mellorar a calidade de vida, a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza do lugar", segundo destacan desde o Concello

Ángel Moldes e Marcial García, en Liñares
Ángel Moldes e Marcial García, en Liñares / Concello de Poio

O Concello de Poio dá por rematado o proxecto para a humanización de Liñares, que contou cun investimento de 159.493,28 euros

A actuación contribúe a "mellorar a calidade de vida, a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza do lugar", segundo destacan desde o Concello.

O proxecto incluíu dotar ao lugar dunha plataforma única, cunha nova superficie de empedrado. Ademais, procedeuse á renovación dos servizos básicos, instalación de alumeado e ampliación da capacidade da rede de pluviais, así como á eliminación do pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro. 

O alcalde, Ángel Moldes, achegouse ata Liñares co concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, e subliñou que este proxecto incluíu as principais reclamacións da veciñanza.

As obras prologáronse durante case un ano porque, segundo explicou Moldes, o goberno local apostou por modificar o proxecto inicial para facelo máis completo, ofrecer máis garantías e dar resposta aos principais problemas que había na zona. 

A eliminación do pozo de rexistro do regato era "unha necesidade que plasmou desde o inicio a veciñanza". Así, o alcalde explicou que antes había un "problema evidente para a seguridade", un oco no medio da praza protexido só por dúas varandas, e que mesmo podería chegar a provocar afundimentos do firme, e agora hai "un espazo moito máis amable e seguro, e permite poñer en valor toda esta contorna".