O plan para a mellora dos firmes das rúas da cidade continuará a partir deste luns 7 de abril en dous ámbitos urbanos: a zona situada baixo a ponte da Barca e o Campo da Torre.
Neste segundo enclave, explica o edil de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, crearanse dous novos pasos de peóns elevados, "continuando coa intervención de remodelación gradual que se está acometando no barrio".
Os pasos de peóns construiranse na entrada á praza e paralelos ao parque infantil. Permitirán crear unha plataforma única na parte pegada á praza de touros para acceder con seguridade á área infantil que se instalou na glorieta e funciona como illa para dar volta os coches.
Esta intervención únese ás actuacións recientes en Campo da Torre onde, recorda Moreda, se melloraron as beirarrúas, pintáronse pasos de peóns para mellorar os percorridos peonís e prohibiuse o estacionamento diante do acceso ás vivendas unifamiliares do final da praza.
Con respecto ao asfaltado na Barca, actuarase en todo o treito que une as rúas Almirante Matos e Cruceiro, segundo detalla o goberno municipal.
Estes traballos obrigarán a pechar ao tráfico esta zona, xa que durante o asfaltado será imposible comunicar estas dúas rúas.
Prevese que os traballos rematen ao longo do día, pero en canto estean finalizados abrirase a rúa para dar servizo á veciñanza.
Os do luns son os terceiros asfaltados do plan municipal. No barrio de Monte Porreiro xa se pavimentaron a rúa Alemaña entre Luxemburgo e Irlanda, os novos estacionamentos das rúas Grecia e Portugal e as rúas Cambria e Illa de Man.
Ademais, mellorouse o firme da Rúa Costado, fronte á urbanización de Valdecorvos, e a rotonda da estación do ferrocarril, en Eduardo Pondal.
En carteira están Santa Teresa de Jesús Jornet, a Rúa das Hortas, San Antoniño ou a glorieta de Eduardo Pondal con Uxío Novoneira, entre outras.