O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu este luns no Centro de Conservación de Estradas situado na N-541 en Cerdedo-Cotobade a sinatura do Plan de Vialidade Invernal.
Con este plan os departamentos da Administración do Estado coordinanse e traballan durante todo este outono e inverno para garantir a mobilidade e as boas condicións de circulación na rede de estradas de toda a provincia, diante de fenómenos meteorolóxicos adversos, especialmente nevaradas.
Trátase, segundo explicou o subdelegado, "de telo todo previsto para actuar rapidamente en situacións nas que o tráfico e, por tanto, a seguridade da cidadanía se poida complicar".
Para Abel Losada "acabamos de comprobar, desgraciadamente, a importancia de que os protocolos e os medios humanos e técnicos para atender as emerxencias estean ben 'engraxados'; a coordinación e a rapidez son cruciais en caso de catástrofe e as estradas sempre son unha infraestrutura crítica".
O plan atinxe a varios departamentos, todos eles presentes na sinatura do protocolo esta mañá. Son a propia Subdelegación, a Xefatura Provincial de Tráfico, representada pola xefa provincial, Paula Yubero, o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira, así como á Demarcación de Estradas do Estado, representada polo responsable na provincia, Pablo Domínguez, a propia Garda Civil e a Policía Nacional cuxa sinatura recaeu no tenente coronel Óscar Graña e no comisario xefe provincial, Juan José Diaz.
Para a coordinación do operativo créanse varios postos de mando avanzado nas tres zonas nas que se divide a provincia. Ao igual que en anos anteriores son a zona Norte (comarcas Deza), Centro (comarca de Pontevedra e de Tabeirós-Terra de Montes) e Sur da Provincia (Vigo-Louriña-Condado-Paradanta).
Para este operativo, que se estende ata o 30 de abril de 2025, se van reforzar os medios existentes con 12 máquinas quitaneves, unha máis que o ano pasado (que terá base en Lalín), 5 plantas de salmoira e 7 silos que almacenan 1.580 toneladas de sal distribuídos estratexicamente entre as tres zonas da provincia.
Hai 6 tramos que se consideran especialmente conflitivos na provincia pola posibilidade de nevaradas ou xeo durante este inverno.
Os puntos máis sensibles repártense polos concellos da Cañiza, As Neves, Covelo, Dozón, Lalín, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Agolada, Silleda e A Estrada. En concreto, a situación por estradas e puntos quilométricos é a seguinte: A-52 (15,5 Km que inclúen as bocas do túnel de Folgoso), N-120 (17,1 Km que abranguen o alto da Fontefría), N-525 (14,06 Km entre os que están os altos de San Martiño e de Santo Domingo), N-541 (37,3 Km que inclúe a paraxe de Portela de Lamas), N-640 (20,09 Km que inclúen o alto do Marco) e N-640 (15,08 Km entre os que está o alto de Xindriz).