Plan para salvar o illote de Areoso: haberá cupo de visitas e límite nos fondeos

O Salnés
06 de xullo 2022

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo unha reunión co alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, para explicarlle que o novo instrumento comezará a súa tramitación administrativa este mesmo mes de xullo

Reunión entre a directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, sobre el illote de Areoso
Reunión entre a directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, sobre el illote de Areoso / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia ultima a orde que regulará os usos públicos e as actividades permitidas, autorizables e prohibidas no illote Areoso, pertencente ao municipio da Illa de Arousa.

Trátase dun instrumento normativo que ten como fin garantir o equilibrio entre a protección dos valores naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos ten rexistrado unha afluencia de visitantes en aumento.

Así llo trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, ao alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, no marco dunha reunión na que tamén participaron o patrón maior da confraría de pescadores do municipio, a edil de Medio Ambiente, así como o xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra.

Precisamente, a xuntanza foi convocada pola Xunta para explicar os pasos dados de cara a aprobar unha regulación de usos no illote que responda á inquedanza compartida polas distintas administracións públicas e sectores produtivos con intereses na zona.

Como resultado dos contactos previos con todos os colectivos afectados e co fin de adaptarse ás necesidades concretas do Areoso e das illas do seu redor, a directora xeral explicou que, finalmente, se decidiu optar por unha orde en lugar dun plan de xestión, ao entender que este é o instrumento administrativo que mellor se adapta á regulación de usos que se quere conseguir.

A futura norma, cuxo borrador xa está listo e poderá comezar a súa tramitación administrativa este mesmo mes, establecerá a capacidade máxima de carga da zona, distinguindo entre fondeos, atraques e acceso de persoas ás illas.

Haberá un límite de afluencia diferente para a tempada alta e a baixa, co fin de garantir a protección dos recursos naturais do illote e a súa convivencia cos usos tradicionais presentes nas augas desta zona e co seu máis recente aproveitamento desde o punto de vista turístico.

Areoso é un pequeno illote integrado na zona de especial conservación do Complexo Ons-O Grove e que sobre todo durante o verán recibe unha notable afluencia de visitas.

Esta orde é froito da vontade de colaboración amosada por todas as administracións e colectivos afectados co obxectivo común de impulsar a mellor regulación posible para conservar este espazo natural.

Así, subliñou que, á marxe do seu recente tirón turístico, tanto o illote Areoso como os contiguos albergan notables valores e recursos naturais que espertan un gran interese desde o punto de vista científico, cultural e por suposto, medioambiental.