O Plan de Emprego de Cruz Vermella atendeu a 583 persoas en Pontevedra e O Salnés das que un 64% conseguiron traballo

Pontevedra
05 de xaneiro 2025
Actualizado: 7:58

Máis de 1.200 persoas participaron nalgún dos itinerarios de Inserción Laboral que se desenvolven na provincia. No último ano contouse coa colaboración de máis de 200 empresas.

Posto da Cruz Vermella na Praza da Peregrina
Posto da Cruz Vermella na Praza da Peregrina / Cruz Roja

Cruz Vermella atendeu en 2024, desde o seu Plan de Emprego, a máis de 1.200 persoas en toda a provincia, das cales, máis de 750 lograron un posto de traballo.

Estes excelentes resultados son posibles grazas ás alianzas con máis de 200 empresas, de distintos tamaños e sectores, que colaboran con esta organización ofrecendo oportunidades que cambian vidas; así como coas máis de 35 persoas voluntarias que hai no programa.

Só nas comarcas de Pontevedra e O Salnés foron 583 as persoas atendidas e un 64% conseguiron acceder a un emprego.

Dentro do Plan de Emprego deséñase un itinerario individual coas persoas, que inclúe orientacións personalizadas, formación sobre como facer un currículo, manexar unha entrevista de traballo ou buscar ofertas a través dos portais de emprego.

Tamén se dan formacións específicas que demanda o mercado laboral e seguimento en prácticas non laborais.

Este mes de xaneiro poderanse en marcha novos grupos e iniciaranse novas formacións en actividades auxiliares en almacén, en atención a persoas dependentes, operativa de caixa e reposición, camareiro/a de Pisos en aloxamentos ou en seccións de Frescos de supermercados.

Todas as persoas interesadas poden informarse sen compromiso no correo [email protected] ou no teléfono 986 85 21 15.

O Plan de Emprego ten diferentes proxectos para cubrir as franxas de idade e circunstancias das persoas que se atopan na necesidade de optar a un posto de traballo como "Desafio +45 Plus", dirixido ás persoas maiores desa idade, "Activando emprega-habilidade", para persoas en situación de desemprego de longa duración, "Aceleradores Go", para mozos menores de 30 anos ou "Pontes pola igualdade no emprego Plus" dirixido ao colectivo de mulleres vulnerables.