Plan de choque para que a senda do Gafos "recupere todo o seu esplendor" e frear a súa deterioración

Pontevedra
18 de xullo 2023

"Por hache ou por be, todo este paseo estaba nunha situación absolutamente lamentable", indicou este martes Fernández Lores, que percorreu a senda acompañado do novo responsable municipal de parques e xardíns, o edil Xaquín Moreda. O obxectivo do Concello é que a senda do Gafos "recupere todo o seu esplendor", garantiu o rexedor

Miguel Anxo Fernández Lores e Xaquín Moreda supervisan a senda do Gafos
Miguel Anxo Fernández Lores e Xaquín Moreda supervisan a senda do Gafos / Cristina Saiz

Nos últimos dous anos, a senda fluvial do Gafos sufriu un "deterioro visible". Así o recoñece o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que asegura que deu a "orde pertinente" para resolver as deficiencias que presenta todo este paseo.

"Por hache ou por be, todo este paseo estaba nunha situación absolutamente lamentable", indicou este martes Fernández Lores, que percorreu a senda acompañado do novo responsable municipal de parques e xardíns, o edil Xaquín Moreda.

O obxectivo do Concello é que a senda do Gafos "recupere todo o seu esplendor", garantiu o rexedor, porque "non podemos permitirnos ter un paseo non que tanta xente disfruta nun estado que non se poida utilizar".

Nas últimas semanas realizáronse diversas actuacións de emerxencia para liquidar fochancas ou abrir zonas que estaban pechadas por seguridade "pero non imos a quedar aí" e executarase "o máis rapidamente posible" a reparación de todo o pavimento de xabre. 

Ademais, tamén se reforzará a seguridade na conexión do paseo coa estación de autobuses, actualmente pechada. Alí estivo a vivir unha persoa sen fogar "e debeu facer lume", o que deixou parte do paseo en moi mal estado.

A intención municipal é, na medida do posible, seguir incorporando parcelas a todo este ámbito natural, entre elas unha que permitiría un acceso directo desde María Victoria Moreno, actuación paralizada porque un particular reclama ser dono deses terreos.

"Estamos a revisar toda a documentación", explicou o alcalde, que tamén avanzou que se poñerán en valor as propiedades municipais, como o muíño de Ponte Boleira, que acollería un centro de interpretación relacionado co patrimonio relacionado coa auga.

Coincidindo con estes traballos, xunto coa poda de ramas das árbores que ameazaban con caer ao río, operarios da Fundación Juan XXIII están a realizar estes días labores de roza e limpeza de toda a senda do río, entre O Gorgullón e Alcalde Hevia.

PASARELA NA RÚA TABLADA

Con respecto ao proxecto para dar continuidade á senda fluvial entre Xeneral Rubín, a Rúa da Tablada e Rosalía de Castro, o alcalde sostivo que "aceleraremos o máis posible" as obras para cumprir os prazos impostos pola convocatoria de fondos europeos.

Indicou que os traballos para habilitar a nova pasarela de madeira e renaturalizar esta parte do río víronse atrasados pola aparición duns depósitos privados de gas "que descoñecíamos que estaban aí".

De non sacalos, non se podería executar este proxecto, pero o Concello asegura que chegou a un acordo cos seus propietarios para proceder á súa retirada.