Plan para combater as especies exóticas invasoras na Xunqueira de Alba

Pontevedra
17 de novembro 2024

O Concello de Pontevedra sacou a contratación a redacción dun proxecto de mellora da biodiversidade e a restauración ecolóxica da Xunqueira da Gándara

Xunqueira Alba
Xunqueira Alba / Mónica Patxot

Pontevedra quere combater a expansión das especies invasoras que ameazan a unha das súas principais zonas verdes, a Xunqueira da Gándara na parroquia de Alba.

O Concello sacou a contratación a redacción dun proxecto de mellora da biodiversidade e a restauración ecolóxica desta zona, declarada como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

O principal propósito é poder retirar ou minimizar a presenza das especies exóticas invasoras que gañaron terreo como son as acacias, mimosas, eucaliptos, robinias ou a herba da Pampa.

Esta presenza de especies foráneas é actualmente un dos principais problemas que sofre a Xunqueira, ao estar asociado á perda de biodiversidade.

Ademais pídese contemplar a curta de xuntos para eliminar o exceso de materia orgánica acumulada.

O ámbito de actuación que abarcaría o proxecto é a marisma propiamente dita, desde a pasarela anterior á ponte Magueiro até a zona da nave de La Cross.

A redacción deste proxecto ambiental conta cun orzamento de 15.887,30 euros cun prazo de dous meses para a súa presentación.

A restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade da Xunqueira da Gándara está cofinanciada polas axudas para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia das cidades españolas, xestionadas pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para la Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.