Plan B en Combarro para os buses turísticos: "A Xunta non é consciente do dano económico e social que está causando"

Poio
28 de xullo 2022

O Concello de Poio segue a alertar das consecuencias negativas do peche do peirao da Canteira e deseña un plan de tráfico para buscar solucións aos autobuses turísticos ante as restricións de estacionamento. Haberá cinco prazas no CEIP de Chancelas, catro no Isidora Riestra e outras catro no Tanatorio San Marcos

Plan de tráfico do Concello para os autobuses turísticos
Plan de tráfico do Concello para os autobuses turísticos

O Concello de Poio segue a alertar das consecuencias negativas do peche do peirao da Canteira, en Combarro, asociado ás obras do novo emisario submarino da depuradora de Os Praceres. Este xoves, fala do impacto que ten nos autobuses turísticos. 

"A Xunta non é consciente do dano económico, social que esta causando en Combarro con esta decisión", alerta a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, que deu a coñecer o plan de tráfico diseñado polo Concello para buscar solucións aos autobuses turísticos ante as restricións de estacionamento. 

Ante o peche inminente do acceso ao peirao, o Concello de Poio establece un plan de tráfico específico para a zona de Combarro que busca garantir as paradas fora do peirao da Canteira.

As paradas de carga e descarga localizaranse nas paradas de autobuses da PO-308, localizadas á altura da avenida Chancelas e en Costa de Abaixo.

Ademais, atendendo ás demandas do sector turístico, o Concello decidiu ampliar a parada convencional localizada en avenida a Cruz para permitir o aparcamento de turismos fora do horario de parada. 

Para poder habilitar esta nova zona de estacionamento, o Concello xa elaborou o informe e solicitouse permiso a Axencia Galega De Infraestruturas (AXI) para proceder ao pintado das liñas na calzada. 

Establécense tamén lugares para estacionamento temporal de autobuses durante o tempo que dure o peche en Combarro e que poderán aparcar na zona próxima ao porto e en dous espazos da PO-308. Haberá cinco prazas no CEIP de Chancelas, catro no Isidora Riestra e outras catro no Tanatorio San Marcos

Marga Caldas sinala que o peirao da Canteira permitía a parada sen maior complicacións, pero ante a decisión "non compartida" de pechalo, tiveron que buscar estas solucións urxentes. Non se puido habilitar outras zonas porque a falta de seguridade da PO-308 non permite ubicar os autobuses en paradas que non interfiran no tránsito de acceso a Combarro.

Ademais de criticar a decisión da Xunta de Galicia, Marga Caldas tamén destaca o "pouco peso do PP local", que se ve na "falta de decisión para poder paliar esta situación".