A Plataforma en Defensa do río Verdugo (Pladever) solicita manter unha xuntanza con representantes de Augas de Galicia; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e os alcaldes dos concellos que se abastecen do encoro de Eiras co obxectivo de presentarlles individualmente os resultados dun estudio sobre o uso responsable da auga e o ineficaz que resultaría o transvasamento do río Verdugo.
O estudo realizouno por un grupo multidisciplinar de expertos e a intención de Pladever é "que poidan escoitar directamente" as propostas que fai a sociedade civil para atopar entre todos unha solución satisfactoria aos problemas derivados da seca e que, desta maneira, "poidan evitar calquera tipo de solución apresurada e que quizáis non sexa a máis axeitada".
O voceiro do colectivo, Fernando Malvar, insiste na necesidade de analizar en profundidade o problema do uso responsable da auga e sinalou que "está acreditado xa suficientemente" que xa non é urxente dotar de medidas excepcionais para abastecer a Vigo e aos concellos da contorna e que urxe poñer en marcha políticas de concienciación social e dos representantes públicos para un uso responsable dos recursos hídricos.
Malvar defendeu este estudio como "un esforzo colectivo" dun grupo interdisciplinar de expertos en diversas materias que pode servir de base para contar cun punto de vista científico que axude a tomar decisións racionais e en beneficio do ben común e do interese xeral dos cidadáns dos concellos implicados na búsqueda dunha solución satisfactoria.
Esa solución pasa por preservar o ecosistema e a biodiversidade da conca dos ríos Verdugo e Oitavén.