Pontevedra acollerá o próximo 11 de febreiro a reunión ordinaria do consello de administración da rede Placemaking Europe, coa intención de que os seus membros poidan "tomarlle o pulso" á cidade antes do congreso que se celebrará en setembro.
A edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, participou este martes nunha reunión telemática cos organizadores do evento para dar os primeiros pasos na súa preparación.
Os responsables da Placemaking Week, congreso que reunirá a expertos en urbanismo e mobilidade sostible, queren analizar as posibles temáticas a abordar durante eses días.
Para iso, o Concello organizará unha serie de xornadas de traballo para preparar esta cita e fixo un chamamento a entidades, colectivos, asociacións e persoas a título individual para que suxiran temas concretos a tratar "fomentando novos proxectos e ideas".
Gulías explicou que o correo electrónico do Concello está aberto para recibir suxerencias a este respecto, co obxectivo de que este congreso sexa "o máis participativo posible".