Un repartidor de Telepizza chegou na noite do mércores cargado con dez pizzas con destino ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial e outras tantas para o Hospital Montecelo. Non as pediran os traballadores que estaban de garda, senón que se tratou dunha doazón da empresa, que quixo agradecer con este xesto a "incrible dedicación e compromiso" do persoal para facer fronte aos "momentos tan críticos" do avance do coronavirus.
As pizzas chegaron acompañadas por unha nota de agradecemento na que a empresa lles ofrece este agasallo para que poidan "facer unha pequena pausa na vosa tarefa". A cambio, só piden que as gocen e lles sirvan para facer máis levadía a garda: "Que os nosos produtos sirvan para que recuperes forzas cun bo sabor de boca é a mellor recompensa que podemos ter".
A nota mostra a admiración de todas as persoas que traballan en Telepizza: "sodes o mellor exemplo para a sociedade en xeral e para nós en particular, xa que estes días tamén estamos a manter a nosa actividade".
A comida saíu desde o establecemento da empresa na rúa José Malvar, pero o persoal do local rexeitou realizar valoracións respecto diso, tan só confirmaron que realizaron a entrega por orde directa da dirección da empresa en Madrid.