Pistas de tenis e atletismo, zona de calistenia e pump track: así será o novo parque de Riomaior aberto ao mar

Vilaboa
14 de marzo 2025

A previsión que manexa o goberno local de Vilaboa é que sexa no vindeiro ano cando se poida licitar o parque de Riomaior, que ofrecerá instalacións para a práctica de disciplinas deportivas diversas

Proxecto do Concello para o Parque de Riomaior
Proxecto do Concello para o Parque de Riomaior / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa comezou xa a tramitación dos permisos sectoriais necesarios para a transformación da área de Riomaior, situada entre o centro escolar e o litoral, nun parque con diferentes opcións lúdicas e deportivas para poboación de diferentes idades.

Esta área ofrecerá instalacións para a práctica de disciplinas deportivas diversas, complementando así as multiaventuras que se poderán desenvolver en Paredes e a área cultural en marcha en Figueirido co auditorio ao aire libre.

O goberno local tamén quere que a futura praza do Toural sexa un punto de referencia para a convivencia e un núcleo de centralidade.

Trala recuperación dos terreos que ata o 2022 eran propiedade da Administración General del Estado e estaban afectados por Costas, o Concello procedeu á matriculación no Rexistro da Propiedade das dúas parcelas cedidas.

Paralelamente a este trámite administrativo, que se demorou no tempo máis do desexable, o goberno local redactou o proxecto de actuación neste ámbito, documento que axiliza agora a tramitación dos diferentes permisos necesarios para a súa execución.

A previsión que manexa o goberno local é que as resolucións favorables comecen a chegar ao Concello cara finais deste ano de xeito que sexa no vindeiro exercicio cando se poida licitar o parque de Riomaior.

O proxecto propón unha reforma integral do parque coa restauración paisaxística da contorna e a creación de diferentes ambientes: pistas deportivas, parque infantil, zona de pump track, de calistenia, sendas e rúas de atletismo para a práctica do deporte ao aire libre.

Como punto de partida das actuacións, levarase a cabo o acondicionamento da parcela, co desmonte e retirada do muro de contención que funciona como unha barreira visual conseguindo abrir ao mar a zona de Riomaior.

Demolerase o antigo almacén de Protección Civil deixando o espazo libre de edificacións, restauraranse as sendas existentes, crearase algunha nova e renovarase todo o mobiliario urbano existente. Como complemento ás sendas do parque, executaranse unhas rúas de atletismo de 100 metros de lonxitude.

O proxecto recolle a eliminación da pista de tenis actual para construir unha nova, cunha grada prefabricada de formigón con cuberta metálica.

Tamén en Riomaior haberá unha pequena pista de pump track cunha superficie aproximada de 720 metros cadrados, cun deseño que facilite o seu percorrido sen necesidade de dar ningunha pedalada.

Haberá unha zona de calistenia para a realización de exercicio ao aire libre, unha modalidade que utiliza o peso do propio corpo para adestrar, así como un parque infantil deseñado para a poboación de menos idade.

A titularidade da parcela obstaculizou ata agora que o goberno de Vilaboa tramitase subvencións e axudas públicas para mellorar a área de esparexemento de Riomaior, xa que un dos requisitos ineludibles é ser propietario do ben no que se fai o investimento.

Esta mesma situación impedía ao goberno local destinar partidas do orzamento municipal para este parque.

"Esto non sempre é entendido pola veciñanza, que en reiteradas ocasións nos demandou investimentos no parque que non podiamos realizar ao non ser noso o terreno", explica o alcalde de Vilaboa, César Poza.