- Ti, es da policía?
Así, con xesto tenso, dirixíase un sindicalista encapuchado aJuan de Sola, xornalista de Onda Cero e colaborador de PontevedraViva, tras un pequeno enfrontamento entre un piquete e as dependentas da tenda Zara Home.
- "E que non te coñezo". Xustificouse o sindicalista.
Aclarada a confusión, o membro do piquete continuou o seu percorrido. O lanzamento dun petardo ante o establecemento de La Ibense en Virxe do Camiño provocou outra discusión cunha muller que pasaba preto da cafetaría.
A imaxe contrastou coa que se produciu minutos despois. Os sindicalistas achegáronse ao Froiz de Campolongo, malia estar pechado, lanzaron un petardo por debaixo do enreixado ao interior xusto no momento no que pasaba inocentemente pola zona unha señora maior. Os membros do piquete alertaron a muller.
- Pare, señora.
A paseante sorprendida continuaba camiñando sen saber a que se referían. Entón, os sindicalistas achegáronse a ela, pedíronlle que se detivese e que se tapase os oidos. O petardo estoupou.
Outra muller que levaba o carriño da compra dirixiuse a eles dicíndolles:
- Cabrones. Si trabajarais...
Nesta ocasión non houbo resposta.
O enfrontamento produciuse no Froiz da rúa Rosalía de Castro coa encargada do supermercado. Un grupo de sindicalistas entrou no establecemento. A dependenta anunciou que avisaría a policía. Un dos sindicalistas quedou na porta evitando a entrada dos clientes anunciándolles que o supermercado estaba pechado. Pouco tempo permaneceu o piquete no interior e cando pretendían saír, a porta mecánica fora pechada pola dependenta. Un dos sindicalistas tirouse ao chan e a tensión mantívose durante uns minutos ata que a dependenta abriu a porta. Como resposta recibiu un "quedeime coa túa cara".
Ese tipo de ameazas funcionaron ao longo da mañá, cando nalgúns casos chegaban ás tendas e alertaban: "O bajas la reja tú o la bajamos nosotros".
Máis discusión aínda produciuse na Praza de San Xosé na tenda de Los sueños de Alë y Patt. Os manifestantes reclamaron o peche da tenda e ante a negativa da dependenta que saíu á porta gravándoos cun móbil, un dos sindicalistas botouse sobre ela. A partir dese momento comezou unha forte discusión entre o grupo e as persoas que se encontraban no establecemento que ameazaban con chamar a policía.
Todo quedou en nada. O piquete dirixiuse cara á Praza da Ferrería porque se achegaba a hora da manifestación.