Pingueiras e charcos desbordan a estación de autobuses: "aquí deberíamos entrar con casco"

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

Entrar na estación de autobuses de Pontevedra este mércores era sinónimo, en función do momento do día, de mollarse porque as pingueiras non paraban de caer, ter que saltar para esquivar os charcos e andar con pés de chumbo para non escorregar. Pola mañá, usuarios e traballadores tiveron que entrar mesmo con paraugas

Pingueiras e charcos na estación de autobuses de Pontevedra
Pingueiras e charcos na estación de autobuses de Pontevedra / Mónica Patxot

Entrar na estación de autobuses de Pontevedra este mércores era sinónimo, en función do momento do día, de mollarse porque as pingueiras non paraban de caer, ter que saltar para esquivar os charcos e andar con pés de chumbo para non escorregar. As situacións máis complicadas, que obrigaron a usuarios e traballadores a entrar mesmo con paraugas, vivíronse ao redor das 10.30 horas da mañá, pero, en xeral, toda a xornada estivo marcada polas incidencias. 

A estación está en obras desde hai xusto un ano, pois en xaneiro de 2020 empezaron os traballos previos dunha actuación ambiciosa que terá como resultado a estación intermodal que integrará as terminais de autobús e tren. Inicialmente estaba previsto que os traballos terminasen para que as instalacións estivesen listas para recibir a avalancha de pasaxeiros que se prevía para este 2021 pola celebración do Ano Xacobeo, pero a irrupción da pandemia alterou os prazos previstos. 

Nestes momentos, os operarios traballan no interior da estación e parte das instalacións está pechada polas obras, pero outra parte mantense aberta para traballadores e usuarios. Nesa zona é na que se rexistraron as incidencias este mércores. Segundo relatou un viaxeiro, a partir das 10.15 horas, chegou un momento no que "chove igual dentro  ca fóra". 

Foi o momento crítico da mañá, no que os ballóns que caían no exterior coáronse no edificio e moitos dos que estaban no interior mesmo tiveron que abrir os paraugas. Ademais, a partir desa hora, e cara ás 10.30 horas, empezou a crearse un gran charco xusto diante do mostrador de información que facía esa zona intransitable. 

Neses momentos de media mañá chegou a caer auga no interior do ascensor e poñer un pé na estación implicaba mollarse por moito que se evitase saltar os charcos. As pingueiras eran tales que evitalas resultaba complicado, segundo relatou un viaxeiro. 

As queixas foron abundantes e chegaron ao servizo de información da propia estación. Dous traballadores que preferiu manter o anonimato ratificaron esta situación, que a medida que avanzou a mañá foi mellorando. Xa pola tarde, o chan estaba esvaradío e colocáronse avisos desta situación para os usuarios, pero desapareceron eses charcos. 

A tarde, de todos os xeitos, tampouco foi sinxela e cara ás 17.00 horas a situación complicouse cun corte de luz por unha avaría. O responsable das obras, con todo, a preguntas de  PontevedraViva na propia estación, restou importancia ao impacto destas pingueiras e charcos e asegurou que os operarios que realizan as obras "intentamos incordiar lo menos posible, pero es una obra es normal, es lo que pasa siempre"

Esta opinión non a comparten outros traballadores da estación e usuarios consultados por este xornal, que sinalan que habitualmente nun edificio en obras adóptanse outro tipo de medidas de seguridade que na estación non se están aplicando. "Aquí deberíamos entrar con casco", valora un deles, que cre que a zona en obras debería estar máis sinalizada e habilitar circuítos de circulación diferentes para garantir a seguridade de todas as persoas que entran na estación. 

"Normalmente debería estar prohibido entrar en un edificio en obras", sinala unha persoa que acode á estación a diario, que cre que esta situación debería estar a xerar máis queixas dos usuarios. "Nos quejamos poco. Esto pasa en África y aquí porque no nos quejamos, si pasase en Vigo, o en Madrid o Cataluña, no se habría admitido".

Esta persoa, que acode case a diario á estación, engade que hai semanas, durante o anterior episodio de choivas importantes, a situación mesmo foi peor, creouse na entrada do edificio "semejante bolsa de auga" que mesmo foi necesario colocar sacos de area nas portas de acceso ás oficinas de venda de billetes do piso superior para que non entrase a auga. Chegaron a realizar buracos no chan que aínda son visibles na actualidade para lograr evacuar a auga acumulada. 

Ademais, as desfeitas aprécianse por distintas zonas da estación con tránsito de xente, como a zona das escaleiras da planta baixa, no acceso ás plataformas, onde hai mesmo un cable solto que hai que esquivar. E dentro da cafetería da estación, que agora mesmo está pechada, chegou a desprenderse parte do teito