Pillan unha muller usando a tarxeta de mobilidade reducida da súa xefa, falecida en 2021

Pontevedra
24 de xuño 2024

A muller explicou que a tarxeta era da súa xefa, que levaba ingresada nunha residencia dende 2017. Pero en realidade, ao identificar á titular da tarxeta, comprobaron que esta persoa estaba falecida dende 2021

Sinal da zona de baixas emisións en Eduardo Blanco Amor
Sinal da zona de baixas emisións en Eduardo Blanco Amor / Concello de Pontevedra

Unha muller, veciña de Marín, foi identificada pola Policía Local de Pontevedra por usar de maneira fraudulenta unha tarxeta para estacionar en prazas de mobilidade reducida.

Os feitos ocorreron sobre a unha da tarde do pasado mércores 19 de xuño, cando unha patrulla da Policía Local observou como esta condutora estacionaba nunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida na rúa Eduardo Blanco Amor.

Os axentes solicitaron á condutora a tarxeta que autoriza o uso destes espazos e comprobaron que non se correspondían coa titular da autorización. 

A muller explicou que a tarxeta era da súa xefa, que levaba ingresada nunha residencia dende 2017. Pero en realidade, ao identificar á titular da tarxeta, comprobaron que esta persoa estaba falecida dende 2021

A Policía Local tramitou a correspondente sanción e retiraron a tarxeta á condutora.