Unha alerta cidadá permitiu á Garda Civil capturar ‘in fraganti’ un home de 45 anos, veciño de Poio, tentando roubar nunha tenda de ultramarinos do municipio.
Segundo informou o instituto armado, os axentes sorprendérono cando pretendía entrar no establecemento.
Ao chegar ao lugar, atoparon o ladrón saltando desde un banco do mobiliario público para alcanzar unha xanela de ventilación do establecemento.
Os feitos, que sucederon a pasada fin de semana, foron advertidos polos veciños polo forte ruído que proviña da rúa en plena madrugada.
No momento da súa detención, o home levaba unha tenaza oculta entre a roupa. Os investigadores comprobaron ademais que o gato mecánico que utilizara para forzar as reixas da xanela arroxárao ao interior do establecemento ao decatarse da chegada da Garda Civil.
O detido, que xa tiña antecedentes por feitos delituosos de similares características, foi posto a disposición do xulgado de instrución número 3 de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.
Está acusado como suposto autor dun delito de roubo, en grao de tentativa.