'Pillado' cando saía do antigo Barcia con dúas bolsas de obxectos roubados

Pontevedra
13 de abril 2015

A Policía Local detivo na tarde do domingo 5 de abril a un home de orixe portuguesa como presunto autor dun delito de furto tras sorprendelo abandonando o edificio con dúas bolsas cheas de obxectos de bazares chineses que os seus donos recoñeceron como efectos previamente roubados. A súa localización foi posible grazas á colaboración de veciños da zona que alertaron a Policía de que se escoitaban ruídos no interior

Policía Local de Pontevedra na rúa Sarmiento, no centro histórico
Policía Local de Pontevedra na rúa Sarmiento, no centro histórico / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra detivo na tarde do domingo 5 de abril a un home de orixe portuguesa como presunto autor dun delito de furto tras sorprendelo abandonando o edificio que antigamente utilizou o establecemento Barcia cargado con dúas bolsas de obxectos roubados.

A súa localización foi posible grazas á colaboración veciñal. Residentes da zona alertaron a Policía Local de que se escoitaban ruídos no interior dese edificio da rúa César Boente, que está abandonado dende hai anos.

Unha patrulla desprazouse á zona e presenciou como un individuo saía do interior cargado con dúas bolsas en cuxo interior había numeroso obxectos con etiquetas identificativas de distintos bazares chineses. A Policía púxose en contacto cos seus donos e recoñeceron os efectos como roubados.

O home foi detido, pero non logrou ser identificado ao non levar enriba documentación acreditativa da súa identidade. Tivo que ser trasladado á Comisaría da Policía Nacional, onde se determinou que se trata dun home de 38 anos de nacionalidade portuguesa e sen domicilio fixo en España.

FURTO DE MADRUGADA

Horas antes dese mesmo domingo, sobre as 3.30 horas da madrugada, a Policía Local detivera tamén un home de 32 anos polo furto dun teléfono móbil de alta gama.

O furto producírase previamente nun local de copas da rúa Cousiño. Segundo relatou a vítima aos axentes, un home que posteriormente foi localizado colleulle o móbil do bolso. O home rematou na Comisaría ao non estar identificado nin ter domicilio habitual en España.