Pilar Rojo pregunta no Senado sobre Ence e a nova xurisprudencia para concesións costeiras

Pontevedra
21 de febreiro 2022

Unha sentenza sobre un caso similar en Murcia demostra, segundo a popular, que a prórroga é "legal e posible"

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A senadora do Partido Popular de Pontevedra, Pilar Rojo, pregunta ao Goberno central en que medida cree que a nova xurisprudencia para concesións costeiras, fixada polo Supremo nunha sentencia dun caso similar en Murcia, vai afectar á concesión de Ence. 

Refírese a popular á sentenza do Tribunal Supremo que se coñeceu nos últimos días, “que engade un capítulo máis de incertezas” sobre o futuro da pasteira, xa que ditamina, nun caso similar en Murcia, que a prórroga “é legal e posible”. Por iso, xa rexistrou na cámara alta unha pregunta para que o executivo socialista aclare canto antes estas dúbidas.

Ademais, a popular tamén reclama ao Goberno de Sánchez que se posicione sobre as recentes declaracións do presidente do PSdeG, Valentín García Formoso, “que actuando máis como alcalde que como representante dos socialistas galegos”, postula o seu concello de As Pontes para ubicar a pasteira.

Neste senso, Rojo quere que “Sánchez aclare si coñece oficialmente esta proposta e cal é a opinión do Goberno ao respecto”. A senadora recorda que hai un compromiso de priorizar posibles alternativas dentro da comarca de Pontevedra. “Ou acaso o Goberno esqueceuse deste compromiso, que pretendía manter os postos de traballo dentro da nosa comarca?”.

Tamén no Senado, Pilar Rojo volve a insistir noutras cuestións como saber cando teñen previsto contratar o estudo independente que localice eses emprazamentos posibles dentro da comarca, unha promesa adquirida polo Secretario de Estado de Medio Ambiente nunha visita a Pontevedra, ou sobre se xa hai unha decisión sobre a proposta da Xunta de Galicia para que Ence permaneza na súa situación actual a través da adscrición dos terreos ao Porto de Marín, o que permitiría manter o emprego en Pontevedra.