Pilar Rojo denuncia que o Goberno central "volve a dar largas" sobre o paseo a Marín

Pontevedra
20 de xaneiro 2022

En resposta a unha das preguntas que a popular formulou no Senado, evitan dar datas tanto para concluír o tramo de paseo executado como para a súa apertura ao público

Obras do paseo peonil a Marín
Obras do paseo peonil a Marín / Mónica Patxot

A senadora do PP, Pilar Rojo, denuncia que o Goberno central "volve a dar largas" sobre o paseo marítimo entre Pontevedra e Marín e evita dar datas tanto para concluír o tramo do paseo executado e a súa apertura ao público, como para convocar un novo concurso co que levar a cabo a segunda parte do proxecto e así poder desbloquear unha situación que, segundo a popular, "comeza a ser insostible".

Así, Rojo formulou varias preguntas escritas no Senado esixindo respostas e prazos concretos para abrir o paseo, que leva meses rematado e pendente de inauguración, "pero que xa está amosando evidentes signos de deterioro e abandono". 

A senadora quéixase de que "só contestan unha das catro preguntas que rexistramos desde o PP sobre esta situación, e aínda por riba, non responden ao que se lles formula. A pregunta era moi clara: Cando ten previsto convocar o concurso para a adxudicación definitiva da obra? E a resposta, que chegou a mediados de decembro e dous meses despois de realizala, evita dar datas e prazos. Fálase de proxecto, de estar traballado, pero cero concreción". 

En canto ás preguntas que non contestaron e para as que xa rematou o prazo para facelo, Rojo anunciou que reclamou a súa reconversión en preguntas orais ante a falta de explicacións do Goberno central.

Deste xeito, a Secretaria de Estado, a pontevedresa Isabel Pardo de Vera deberá asistir ao Senado para contestar, por exemplo, en que situación se atopa actualmente o expediente desta obra, que prazos manexa o Goberno para finalizar o paseo e abrilo ao público, a canto ascende o orzamento da nova licitación ou cal foi o sobrecuste económico respecto ao orzamento inicial previsto para a obra.

"Os pontevedreses merecen unha explicación clara e contundente", reclama Pilar Rojo.

Por último, desde o PP recordan que a finais de ano o Goberno central só tiña pagado o 10% do crédito total do proxecto. Dos 2,1 millóns de euros do proxecto, tiñan comprometidos 1,4 millóns de euros, e só o 10%, é dicir, 220.000 euros, estaban pagados.