Pidenlle á xuíza que retire o pasaporte ao rei das orquestras

Pontevedra
13 de marzo 2018

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', volveu este martes á Audiencia Provincial de Pontevedra para participar nunha vista na que se realizou a petición da Avogacía do Estado tras a recente condena a doce anos de prisión e 46,7 millóns en multas e indemnizacións. A Fiscalía adhírese

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', á saída da Audiencia
Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', á saída da Audiencia / Mónica Patxot

O empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', o rei das orquestras, volveu este martes á Audiencia Provincial de Pontevedra. Nesta ocasión, non estaba citado para ningún xuízo nin para prestar declaración por unha nova causa xudicial das que aínda ten en marcha, senón que o motivo da citación foi a petición de que se lle retire o pasaporte para que non poida abandonar o país. 

A petición realizouna a Avogacía do Estado e contou co respaldo da Fiscalía. Realízase neste momento porque a principios de marzo 'Lito' foi condenado pola Sección Cuarta da Audiencia a unha pena de doce anos de prisión e o pago á Facenda Pública de multas e indemnizacións por valor dun total de 46.725.811,03 euros. 

Esta foi a primeira condena de quen durante anos controlou máis da metade das orquestras de Galicia e o seu avogado, Carlos Seoane, deu a coñecer que teñen previsto recorrela. Mentres non se presenta oficialmente ese recursos e non se resolve, el poderá seguir en liberdade. 

Dado que a condena é moi elevada tanto en canto ao tempo de prisión como á multa para pagar, Avogacía do Estado e Fiscalía queren garantir que non abandona España para eludir tan duro castigo

A petición de retirada do pasaporte ratificouse este martes durante unha breve vista celebrada ante as maxistradas da Sección Cuarta da Audiencia Provincial, que preside Nélida Cid. Foi a xuíza que ditou a sentenza condenatoria e agora deberá resolver a petición da Avogacía do Estado. 

O fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, confirmou que se uniu á petición mentres que o avogado do condenado sinalou, pola súa banda, que el se opuxo ás intencións da Avogacía do Estado. 

A condena declara a Lito responsable de seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012. En concreto, imponlle a el multas por valor de 17.945.000 euros e á empresa da que é responsable, Representaciones Lito SL, multas por importe de 19.190.000 euros. Entre el e a empresa ou, o que é o mesmo, el na súa totalidade, deberán indemnizar á Axencia Tributaria con 9.590.811,03 euros. En total, 46.725.811,03 euros. 

A sentenza considera probado que a contabilidade oficial de Representaciones Lito SL "non reflectía a imaxe fiel e exacta" da empresa, sendo iso consecuencia de que a maior parte do seu volume de negocio (o procedente da contratación coas comisións de festas e que supoñía sobre un 90%) "non se facturaba nin se contabilizaba nos libros oficiais, polo que tampouco era declarado a Facenda", dando lugar a importantes beneficios para a mercantil. 

A sentenza é a primeira que se impón a Ángel Martínez, pero hai nos tribunais varias causas abertas contra a súa persoa e contra as súas orquestras que poderían traducirse en condena. Está xa pendente de sentenza un xuízo por unha suposta fraude fiscal na xestión económica da Orquestra Filadelfia e pendentes de chegar a xuízo outras tres causas.