A seca que vive Galicia está a obrigar ao Concello de Pontevedra a controlar moi de preto o nivel do caudal do Lérez. A falta de choivas levou a que o río estea nunha situación "mala", segundo explicou o edil responsable do ciclo da auga, Raimundo González.
Por agora, segundo o goberno municipal, non hai que tomar medidas drásticas xa que o abastecemento de auga está "garantido" e non é necesario recorrer á auga que hai no encoro do Pontillón do Castro, que actualmente está ao 84% da súa capacidade.
"Temos marxe", asegura Raimundo González, pero o certo é que resulta certamente preocupante que o Lérez estea, en comparación coa medida dos anos anteriores, ata un 90% por baixo da súa capacidade habitual. Fronte os 30,98 metros cúbicos de auga por segundo do período 2013-2016, actualmente rexistra só 3,10 metros cúbicos por segundo.
Por iso, o Concello fai un chamamento aos veciños de Pontevedra para que fagan un consumo "responsable" de auga. Esta mensaxe envíase tamén aos cidadáns dos concellos da comarca aos que subministra de auga a capital da provincia.
Os técnicos municipais acreditan que, nas últimas semanas, está a crecer a cantidade de auga que se envía desde Pontevedra a concellos como Marín ou Poio. Neles, segundo González, están a secar os acuíferos naturais e "tiran máis da auga que manda Pontevedra", como así está determinado nestes casos.
"Se non chove imos a ter que pensar en adoptar medidas de restrición no consumo, tanto desde o punto de vista público como privado", advertiu o portavoz do goberno.
MORTALIDADE DE PEIXES NO GAFOS
Precisamente o Concello vincula a recente mortalidade de peixes no río Gafos, denunciada pola asociación Vaipolorío, á seca.
Raimundo González sinalou que os peixes quedan estacados nas pozas que a falta de auga crea no río e, ao non renovarse a auga, esta perde o osíxeno e acaba por matar os peixes que son incapaces de remontar o río.
"O curioso é que tardase tanto tempo", dixo, en producirse este fenómeno que xa se reproduciu noutros ríos galegos.