Piden suprimir o torneo medieval na próxima Feira Franca

Pontevedra
23 de agosto 2016

A Asociación Animalista Libera considera que o cambio permitiría reducir o convenio de aluguer do coso. Os animalistas piden fomentar as actividades infantís fronte ao manido uso de animais como espectáculo

Galería de fotos do Torneo medieval da Feira Franca 2015
Galería de fotos do Torneo medieval da Feira Franca 2015 /

A Asociación Animalista Libera quere que a próxima Feira Franca, que se celebrará na cidade entre o 2 e o 3 de Setembro, reduza o uso de animais como espectáculo e tamén como ambientación, seguindo a liña doutros municipios que xa apostan por representacións históricas sen empregar seres vivos, garantindo o seu benestar.

Os animalistas centran a súa proposta no espectáculo que ten lugar cada ano na praza de touros local, para expor un cambio de rumbo que suprima as actividades no coso e as traslade ás diferentes prazas de Pontevedra con actividades centradas nos máis pequenos, ao estilo da última edición da Feira Medieval da Coruña, cuxo recinto infantil situado na Praza de María Pita foi un éxito en termos numéricos, fomentando valores de respecto cara aos animais, xa que se suprimiron as chamadas xustas.

Neste sentido os defensores dos animais subliñan como cada vez máis consistorios apostan por suprimir o emprego de animais, na súa maioría équidos que serven tanto para as ambientacións como para realizar paseos, e expoñen representacións históricas sen estes. Ferrol, Elda ou Burjassot, na Comunidade Valenciana, son exemplos de boas prácticas, ademais de demostrar que non supón un peor impacto de público ou nas vendas.

A proposición de Libera tamén ten un segundo punto a considerar. O colectivo entende que se se elimina o xa repetido ata a saciedade espectáculo con animais que se sitúa na praza taurina de San Roque, o Concello podería reducir o montante final do convenio, ao non ter que ocupar as instalacións tauromáquicas durante estas xornadas, permitindo liberar parte destes fondos para outras medidas, de carácter cultural ou social.

Desta maneira a organización sinala que tamén se segue a liña da moción aprobada no pleno da corporación na que se vetaba o uso de animais para espectáculos circenses, e a redución de animais na Feira Franca recollería parte dese espírito de non explotar fauna doméstica ou silvestre como parte dunha actividade festiva.

Arquivado en