O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo apela á responsabilidade colectiva para evitar que "esaxeracións e falsidades" sobre a marea de granulados, coñecidos como pellets, que está a chegar á costa galega afecten de forma negativa aos sectores da pesca e o turismo.
O presidente de CETS, Alfonso Martínez, expresa a través dun comunicado a súa "preocupación" polas "consecuencias negativas" que pode provocar unha "utilización irresponsable" da información sobre a chegada dos granulados.
Os empresarios turísticos temen que o contexto actual de "polarización" e campaña electoral poida levar a "manifestacións esaxeradas, pouco rigorosas ou directamente falsas" que poidan poñer en risco miles de empregos da pesca ou o turismo, dous sectores que xeral o 15% do PIB de Galicia.
Ante a campaña electoral, piden que se evite usar ese asunto como argumento de márketing político e se xestione con rigor por parte dos representantes públicos.
Apelan á responsabilidade daqueles que poidan influír na opinión pública para evitar uns efectos que irían moito máis alá do momento actual e poderían condicionar as decisións de futuro de turistas e consumidores sobre visitar Galicia ou consumir produtos do mar desta procedencia.
Ademais, están convencidos de que a marea de pellets "non vai comprometer a medio ou longo prazo a calidade dos areais e o litoral".