Piden que se investigue a "posible desatención médica" a un mozo falecido en Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
09 de febreiro 2023

A asociación Cerdedo pola Sanidade Pública informou da queixa presentada no Centro de Saúde por unha familia da localidade de Vilar de Figueroa que está dirixida aos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) aos que solicitan que se investigue a "posible desatención médica" a un mozo falecido

Dúas ambulancias
Dúas ambulancias / Mónica Patxot

A asociación Cerdedo pola Sanidade Pública informou da queixa presentada no Centro de Saúde por unha familia da localidade de Vilar de Figueroa que está dirixida aos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) aos que solicitan que se investigue a "posible desatención médica" a un mozo falecido.

Este home, de 29 anos, morreu no seu domicilio tras un desmaio na madrugada do martes 24 de xaneiro.

A familia explica na súa reclamación, publicada pola asociación de Cerdedo, que o médico de garda negouse nun primeiro momento a acudir ao domicilio. Engaden os familiares, que acudiu ao lugar unha ambulancia non medicalizada cuxos facultativos non consideraron necesario o traslado do mozo a un centro médico. Tras sufrir o mozo unha nova crise o médico trasladouse á vivenda tras a insistencia da familia, pero cando chegou á vivenda o mozo xa falecera.

Segundo informa esta asociación, esta familia tamén quere denunciar xudicialmente as circunstancias que rodearon este falecemento porque "poderían poñer en cuestión a debida atención médica á que todos e todas temos dereito na Sanidade Pública".

A Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública lembrou a súa petición dunha ambulancia medicalizada vinculada ao PAC de Cerdedo, así como un servizo de taxis áxil que traslade aos médicos no tempo de estipulado de 15 minutos aos domicilios dos pacientes.