Piden que se faga unha consulta pública aos pontevedreses sobre a continuidade dos touros

Pontevedra
31 de agosto 2022

O deputado de Galicia En Común e secretario xeral de Unidas Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, explicaba a inicitiva do seu grupo na compaña de membros de Galicia, mellor sen touradas

Membros de Galicia En Común, Unidas Podemos Galicia e Galicia, Mellor Sen Touradas ás portas do Concello de Pontevedra
Membros de Galicia En Común, Unidas Podemos Galicia e Galicia, Mellor Sen Touradas ás portas do Concello de Pontevedra / Cristina Saiz

O deputado de Galicia En Común e secretario xeral de Unidas Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, comparecía este mércores 31 de agosto en Pontevedra para informar das xestións que o seu partido está levando a cabo para que os propios cidadáns "decidan" que uso se lle debe dar á Praza de Touros e a supresión ou continuidade das corridas de touros na mesma.

"Hai uns días solicitábamoslle ao Ministerio do Interior que habilite algo que nos parece clave para unha situación como a que se dá en Pontevedra, e que ademais xa se fixo en outros lugares do Estado, e que é basicamente habilitar unha consulta popular para que en Pontevedra a xente poida opinar ao respecto do que está acontecendo coas touradas", declaraba Antón Gómez Reino ás portas do Concello de Pontevedra.

O secretario xeral de Unidas Podemos Galicia insistía en que o mantemento da tauromaquia "é un anacronismo total, desde o punto de vista do contexto cultural ao que temos que aspirar como unha sociedade moderna que somos, e tamén porque estamos falando dun maltrato animal que hai quen aínda o quere vincular coa cultura".

Gómez Reino poñía o exemplo da Coruña, "onde a loita foi exitosa" e actualmente é unha "cidade sen touradas".

A visita a Pontevedra estaba motivada pola presentación no Rexistro do Consistorio, na rúa Michelena, 30, dunha serie de preguntas para "saber dunha vez por todas cantos cartos públicos adica o Concello de Pontevedra ao maltrato animal, porque en definitiva estas festas son sinónimo de maltrato animal, e á vez queremos saber todas as vinculacións que hai ao respecto da empresa que xestiona agora mesmo a praza e tamén porque nos preocupa que no espazo público poida haber publicidade que chame a este tipo de actos", declaraba Gómez Reino.

GALICIA, MELLOR SEN TOURADAS

Ademais de membros de Galicia En Común e Unidas Podemos Galicia, na presentación desta iniciativa, Antón Gómez Reino estivo acompañado de integrantes no colectivo Galicia, Mellor Sen Touradas.

"Xa sabedes a posición que ten Galicia, Mellor Sen Touradas ao respecto da realización desta actividade en Pontevedra. Non entendemos a posición que ten aquí o Concello de Pontevedra porque, por unha banda, fala de que se por el fora non habería touradas, pero, por outra banda, non activa ningún mecanismo para que isto sexa así", manifestaba o seu voceiro Rubén Sueiras.

Sueiras explicaba as razóns para que o seu colectivo apoie tamén a petición ao Ministerio do Interior para que se poida convocar unha consulta popular: "Porque é un mecanismo que está na Constitución e porque o Concello de Pontevedra non está facendo nada. Cabe recordar que temos unha cidade que dá cada ano milleiros de euros aos propietarios da Praza de Touros e que estes cartos acaban financiando unha mini-feira taurina que non ten interese real na cidadanía, e iso vese nas Festas da Peregrina cando a meirande parte da cidadanía nin merca unha entrada nin tan sequera un abono".