Piden o amparo da Valedora do Pobo ante o "bloqueo" da Xunta aos proxectos do Concello en Combarro

Poio
15 de xullo 2022

O BNG de Poio considera que a Xunta de Galicia "bloquea" o municipio ao manter sen resposta desde hai meses os proxectos que o Concello quere executar no porto de Combarro para solucionar os problemas de estacionamento da zona. En xaneiro pediron obter concesión demanial para iniciar as obras e, tras catro escritos máis, seguen sen resposta

Marga Caldas e Luciano Sobral
Marga Caldas e Luciano Sobral / BNG de Poio

O BNG de Poio considera que o Goberno do PP na Xunta de Galicia "bloquea" o municipio ao manter sen resposta desde hai meses os proxectos que o Concello quere executar no porto de Combarro para solucionar os problemas de estacionamento da zona.

Ante esta situación, o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a portavoz do BNG no municipio, Marga Caldas, compareceron este venres ante os medios de comunicación e anunciaron que van solicitar o amparo da Valedora do Pobo pola falta de resposta de Portos de Galicia, ente público dependente da Xunta, á petición realizada desde o Concello xa no mes de xaneiro para obter unha concesión demanial para iniciar as obras no espazo público de Combarro.  

"Queremos unha resposta ou positiva ou negativa", sinalan desde o BNG, que quixo facer un "chamamento público" para que dende a Xunta desbloqueen os proxectos, pois consideran que este municipio sofre un "claro desamparo".

Así, denuncian que mantiveron unha reunión coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e despois solicitaron a citada concesión demanial, pero desde xaneiro non tiveron resposta. 

As obras que queren executar contan cun orzamento de 100.000 euros e contempla a execución dunha zona de servizos para aparcadoiro e a creación de novos espazos verdes.

A iniciativa conta con todos os permisos urbanísticos, ten un proxecto xa redactado, ten partida orzamentaria asignada e recóllese no plan de usos do porto deportivo, pero está bloqueada por esa falta de respostas.

Luciano Sobral e Marga Caldas sinalan que o Concello comunicou a Portos de Galicia a urxencia desta actuación e enviou oficios o 10 de febreiro, o 19 de abril e o 13 e o 23 de xuño, todos sen resposta.

Neste chamamento que fan á Xunta, desde o BNG sinalan que se o problema para non responder é o uso exclusivo de residentes desa zona de estacionamento, están dispostos a que se determine o uso libre, pois a prioridade é realizar esta actuación tan necesaria para a poboación.

"Se queren un convenio, que o digan, pero será un convenio que contemple obras ao igual que outros concellos", lembran desde o BNG, que tamén queren aclarar que o convenio  que quería asinar Portos contemplaba só control de tráfico, non o proxecto de execución que solicita o Concello.

Nesta liña, engaden que se propoñía un convenio de tráfico para Raxó, Covelo e Combarro "que non se establece con ningún Concello" e só deixa fóra as prazas da Canteira e A Chousa.

Ademais, chaman a atención sobre o feito de que Poio tamén está a sufrir as consecuencias no peirao da Canteira de Combarro pola ocupación do espazo público derivada das obras do emisario submarino da EDAR de Praceres, que xa provocou no pasado protestas municipais e mesmo unha mobilización veciñal 

"Estamos sufrindo as consecuencias dunha obra que, aínda que necesaria, non está coordinada con este Concello en tempo e forma para buscar alternativas e solucións aos veciños", denuncian desde o BNG en alusión a que estas obras ocupan zonas de estacionamento de Combarro.